Dez anos presumindo de galego dentro e fóra das aulas do IES de Melide

La Voz MELIDE / LA VOZ

MELIDE

O centro celebra este venres a décima edición do festival Presume de Galego

30 ene 2026 . Actualizado a las 12:07 h.

«É un proxecto ilusionante que ten na transversalidade un dos seus maiores atractivos». Cóntao a profesora Marga Quintela cando fala dunha das iniciativas do departamento de Normalización Lingüística do IES de Melide: o Presume de Galego, o festival do que este venres celebran o seu décimo aniversario, mantendo unha participación activa do alumnado, tanto no deseño do cartel, das entradas e das camisetas promocionais, como actuando como teloneros da banda convidada. Porque a iniciativa naceu coa arela de promover o uso do galego entre a xente moza, e de divulgar entre eles a música feita no mesmo idioma.

Logo de teren pasado polo festival bandas de recoñecido prestixio como Ruxe Ruxe, Nao, Dakidarría ou Zënzar, na presente edición serán os integrantes de Loita Amada quen se despracen a Melide para compartir cos alumnos do instituto de secundaria a súa comprometida proposta musical nun concerto que se celebrará, a media tarde, na Sala Gatos, onde tamén actuará como banda convidada a melidense Cuarta Xusta.

O xerente dese emblemático local de música alternativa da localidade melidá, Fernando Casal, Nani, participará no faladoiro, que para abordar a traxectoria do Presume de Galego reunirá pola mañá no instituto a alumnado implicado en anteriores edicións, como Carlota Casal; a músicos de, entre outras agrupacións, Cuarta Xusta, que naceu precisamente ao abrigo deste festival; á concelleira Carme Liñeira; ao profesor de Lingua Galega Paco Veiga; e a compoñentes de Herba Grileira, a agrupación local de música tradicional que actuará como telonera da banda convidada na presente edición. Entremedias, terá lugar un xantar de confraternidade.