
Un ano máis, e xa van trinta e un, Melide reivindicará un secular patrimonio etnográfico que sobreviviu co traballo das mans que amasan os tres doces que identifican unha propia repostaría artesanal propia. «Falamos dun oficio sen xénero, de mulleres e homes que viviron a carón dos vellos muíños, que andaron polos fornos, que amasaron e coceron pans e doces [...] Abrollando destas raíces, xurdiu no seu día a Festa do Melindre para renderlles tributo e facer constar que, a pesar da evolución dos tempos e da decadencia de muíños e fornos, o produto permanece inalterable en sabor e calidade». No libro que sobre a tradición reposteira editou o colectivo no que se agruparon os doceiros locais, o historiador melidense Xosé Manuel Broz debulla a razón de ser da festa coa que a vila coruñesa se fixo cunha data sinalada no calendario gastronómico galego.
Seguindo a directriz de quen no 1991 impulsaron a celebración, Melide volverá acoller a segunda fin de semana de maio a Festa do Melindre, cun compoñente musical apegado á exaltación dun artesanal e secular produto. Porque de autor e con vencello á tradición musical galega tamén son as letras de Sés. A coruñesa estará na vila do interior galego o vindeiro día 14 para presentar os temas do seu último traballo discográfico — «Diante un eco»—, e para, co seu concerto, pechar a trixésima primeira edición dunha festa que pon en valor un oficio que custodian media ducia de casas reposteiras, e tamén os doces que artesanalmente elaboran, respectando as receitas que herdaron dos seus antepasados. Na festa máis doce de Galicia, o azucrado melindre leva a fama, pero hai outros dous produtos que lle dan tanta identidade á repostaría melidá coma el: o amendoado, e, moi especialmente, o rico. Non hai outro concello onde se elabore este exclusivo doce de Melide que ten na manteiga de vaca o seu principal ingrediente.
Melindres, ricos e amendoados, poderán adquirirse en diferentes casas reposteiras que terán presenza na mostra sectorial da festa, que, con absoluto respecto pola tradición á que se debe, foi matizando a programación con novas propostas, pensadas para que o produto gañe posicións no eido gastronómico. Así se entenden os obradoiros e exhibicións que impartirán o mestre reposteiro Manuel Garea, e Lydia del Olmo xunto con Xosé Magalhaes, que, ao fronte do restaurante Ceibe, en Ourense, veñen de ser recoñecidos, con un Sol Repsol no 2022 e unha Estrella Michelin no 2023, coma os mellores cociñeiros galegos do ano. Coa mesma idea de incidir na potencialidade dos tres doces, Brígida Hermida, experta xeadeira e vicepresidenta da asociación nacional do sector, e Cristian Rodríguez, campión galego na elaboración de cócteles, impartirán cadansúa sesión de maridaxe na Festa do Melindre, na que non se botarán en falta nin a animación musical de rúa nin a bendición do pregoeiro. O elixido desta volta é o xornalista Manuel Pampín, que, xunto con outros melidenses, recibirá a distinción de Embaixador do Melindre.