«Persisten problemas de seguridade no traballo»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

MELIDE

PACO RODRÍGUEZ

Afirma que atenden queixas por accidentes laborais que se podían evitar e por excesos no traballo asistencial

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Na área sanitaria de Santiago hai centros de saúde moi modernos, como o de Galeras; e outros, sobre todo os que dependen de concellos, con problemas de instalacións moi serios e con requirimentos de Inspección de Traballo para que se melloren, como o de Melide», afirma Xabier Alvedro. Enfermeiro, representante laboral elixido pola CIG, sindicato maioritario na Xunta de Persoal, é secretario da Comisión de Centro de Atención Primaria.

-Como valora a integración da atención primaria cos hospitais?

-Pensamos que vai en detrimento de primaria, que precisaría ser máis potenciada. É certo que a e-consulta supón un avance, aínda que non serve para todas as persoas. Ás veces os pacientes dan moitas voltas e non se lles resolven os problemas satisfactoriamente, hai moito aínda que mellorar.

-Reciben queixas do persoal?

-Si, sobre todo por accidentes laborais que se podían evitar ou por excesos no traballo asistencial.

-Como se explica iso?

-Persisten problemas de seguridade no traballo que debían estar solucionados hai moitos anos. Por exemplo, esta debe ser a única área sanitaria do país con problemas por falta de catéteres de bioseguridade, hai múltiples notificacións de incidencias por picadas ao utilizar agullas e outros materiais que debían ter protección. Iso provoca moito descontento.

-É ese o problema principal?

-É un problema moi importante, e neste mesmo ámbito está a demanda de roupa que identifique e ofreza seguridade cando o persoal dun centro de saúde vai atender accidentes e situacións de emerxencias. Pedimos equipos de protección individual e a xerencia do Sergas dá largas. Tamén é insuficiente o complemento que se recibe por utilizar vehículos particulares para ir a domicilios.

-Hai profesionais suficientes?

-Os centros de saúde teñen especialistas segundo as tarxetas sanitarias que atenden. Acontece que, polos recortes dos últimos anos, desde o 2010 non se cubriron numerosas vacantes de diversas categorías. Tampouco hai substitutos suficientes para cubrir baixas e descansos e iso favorece que haxa listaxes de espera.

-Como repercute que non se cubran prazas vacantes?

-En excesos no traballo asistencial. Hai profesionais que atenden 4 concellos, e outros limítrofes cando hai baixas; en fisioterapia hai lista de espera endémica por falta de espazos e profesionais; tamén un mal circuíto de transporte de doentes que dependen de ambulancias. Cómpre unha planificación de futuro seria, que non sexa como a recente dos pediatras de área, que tiveron que retirar.