Melide programa unha semana centrada en Álvarez Blázquez para celebrar o Día das Letras

La Voz

MELIDE

Melide conmemorará o 17 de maio cunha intensa actividade cultural programada polo Concello como a Semana das Letras e das Artes.

«Queremos celebrar a homenaxe ás nosas letras alén do 17 de maio, por iso elaboramos un programa que abrangue toda unha semana na que se ofrecerán múltiples opcións culturais, que van dende a lectura e as exposicións ata obradoiros e a lembranza a outros xeitos de cultura da nosa tradición, coma o conto oral», explicou onte a alcaldesa melidense, Socorro Cea, na presentación do programa confeccionado polo departamento local de Cultura con motivo do Día das Letras Galegas.

A concelleira do ramo, Conchi Castro, e a encargada da biblioteca municipal, Ánxela López, participaron no acto para dar a coñecer a programación, que se estenderá dende o 12 ata o 18 con diversas exposicións, obradoiros infantís e conferencias.

O acto central da semana cultural será a presentación, o vindeiro martes, da obra O que ben che quer, de Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras. Dous fillos do escritor presentarán en Melide o libro, que inclúe poemas inéditos e ilustracións.