PRAZA DAS COLES

La Voz

MELIDE

XOSÉ GARCÍA MI CALLE

21 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

É como a coñecen as xentes de Melide, a pesar de que os te mpos modernos e os rótulos de plástico a chamen praza da Constitución. Foi de toda a vida praza das Coles porque a ela acudía e acode a xente que abre a terra co afago do sacho a facer mercado co froito que tivo que regar co seu esforzo e a súa suor. Verzas, repolos, grelos, coliflores, xenos, cenorias, cebolas e cebolo, tomates, leitugas, pementos, patacas, noces, castañas, mazás, peras, figos, cereixas, fresas, limóns, flores, tanta feracidade que deita o noso agro nun abigarrado mosaico de cores, recendos e sabores agardando o tacto das nosas mans. Punto de cita ineludible para a conversa dominical de feirantes e paisanos, entre o repenicar da auga da fonte e os berros das verdureiras que botan a pacer o seu reclamo de pesos agachados no máis arredado dos petos. Si, dixen ben, pesos, porque na praza das Coles aínda se conta en pesos, e non tenten meterlle a esta xente esa leria dos euros cando nin sequera chegaron a callárlle-las contas en pesetas. Velaí pois a praza das Coles, un último reducto de enxebreza e tradición viva que se resiste a morrer a pesar de que xa hai quen se vale de básculas electrónicas e invernadoiros, a pesar de que un peso marca 0,03 euros. redac.santiago@lavoz.com