O valo de Manselle

Manuel Lorenzo Baleirón

DODRO

03 oct 2020 . Actualizado a las 20:57 h.

Dicía nosa avoa Amancia que nos anos trinta do século pasado, mentres as mulleres apañaban a herba nas Brañas de Laíño, se escoitaba por todo o val o resoar dos picos nas cuñeiras dos canteiros. E preguntábase aínda onde irían aquelas mans. Quizais lles veña de aí a tradición ós veciños de Manselle, desa raza de canteiros da que tamén falou Eusebio. Os que ergueron os máis de 200 hórreos do concello de Dodro, os muíños e os cruceiros, os penais dos nosas igrexas barrocas ou os canzorros e balaústres do Pazo de Vigo trasladados a Meirás polos camións militares do franquismo. Acaso herdaran deles ós veciños a arte de fender e escachar outeiros coma mundos, a de trabar con forras e con rebos, trancos, agullas e cantaxos. O valo de Manselle. E fano eles. Vintecinco anos da epopea tribal.

Moitas das nosas aldeas teñen para contar historias coma esa. Hai arredor de cincuenta anos os veciños de Tarrío abriron unha gabia de case un quilómetro de longo e trougueron por soterradas canles ata as billas das casas a auga do Rego de Arnelas, que ven ser un irmán pequeno do Arno florentino. E celebrouse o albroque arredor das redondas empanadas de anguías, coma rodas de muíño xigantescas. Pero a nós daquela, faltounos o cantor. Os de Manselle tivérono. E un valado de pedras arrancadas dos penedos graníticos do monte Caldebarcas, transmutouse, coma o palacio de Kubla Khan no soño de Coleridge, na marabilla do libro de Anxo Angueira: O valo de Manselle.

«Veña valo, vai, bérranlles os mortos». «Pero non chorades./Trasvirades algún cachote,/doédesvos das rens/ou miráde-las mans labregas,/e escoitáde-lo voso corazón/que xa non ten nin tento». Veña, valo vai, berramos e empurramos todos, porque nese canto están contidas todas as ceifas do común das xentes de Laíño e de Galicia: «A condición celulada do mel», do heterónimo de Ferrín, inscrita no lintel do texto.

Se difícil é explicar a mecánica dos canteiros, menos doado é render conta da prodixiosa capacidade creativa do poeta e amigo e da súa xa dilatada traxectoria literaria. Do seu poder de convocarnos. Do conxuro dunha voz, aínda que gastada nestes días, sempre poderosa, que nos chama para o Caldo de Gloria e a Inchadiña Branca Vela ou para a celebración Abride a Fiestra no xardín das camelias da Matanza.

Vintecinco anos dun símbolo. Ha de caer esboroado o Valo de Manselle polos cairos do tempo, pero quedará inmorrente, co liño azul de María, nos versos de Anxo Angueira, coma as murallas de Troia nos de Homero. Onde elas irían, senón, coma as mans dos canteiros!