A proposta de recoñecemento a título póstumo aprobouna por unanimidade o pleno da corporación municipal
07 feb 2026 . Actualizado a las 05:05 h.A Casa da Cultura de Arzúa levará por nome o de Xulio Vázquez Carril, «o gaiteiro de San Miguel», o lugar da parroquia de Maroxo onde residía este músico, falecido aos 88 anos, que legou para o patrimonio cultural galego o xeito de tocar a gaita característico da zona: «Ao pechado». A proposta de recoñecemento a título póstumo aprobouna por unanimidade o pleno da corporación municipal de Arzúa, a iniciativa do BNG, dende o que a voceira Lucía López defendeu a «homenaxe permanente» que bautizando co seu nome a Casa da Cultura recibirá «un dos últimos vellos gaiteiros de Arzúa, admirado e recoñecido no mundo da música tradicional galega por preservar un xeito de facer tocar a gaita que non diferenza doutras zonas de Galiza».
O acto de recoñecemento a «o gaiteiro de San Miguel» celebrarase, previsiblemente, coincidindo co cabodano o vindeiro abril do seu pasamento, segundo indicou a concelleira de Normalización Lingüística, que avanzou, por outro lado, que xa se está a traballar nunha publicación biográfica e sobre a traxectoria musical de Xulio Vázquez Carril, xa que «pensamos que a súa figura deber ser máis divulgada e coñecida, e aí o Concello ten un traballo importante que facer», dixo.
«O gaiteiro de San Miguel» foi homenaxeado en vida na Festa da Gaita Galega, que se celebra en Arzúa, e polo grupo Buxaina, en Vigo. A súa figura espertou, no seu día, o interese dos mestres universitarios Carlos Rodríguez Osorio e Manuel Noia, e do artesán de percusión Xosé Tuñas. E a súa contribución ao folclore popular galego está recollida na colección «Os nosos gaiteiros», de Edicións do Cumio, que recompilou un repertorio de vinte e catro pezas que amosan a tradición gaiteira de Arzúa. Canto tiña 85 anos, Xulio Vázquez contou para La Voz que aprendeu a tocar a gaita con pallas de centeo, e que a primeira que tivo foi agasallo do recoñecido gaiteiro Basilio Carril, que era curmá seu.