José Luis Lamas: «As queixeiras dinamizan o rural, axudando a evitar que se despoboe»

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol ARZÚA/ LA VOZ

ARZÚA

XOAN A. SOLER

A primeira DOP de queixo de Galicia elabórase en 32 concellos do interior

02 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

É a súa primeira Festa do Queixo como presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa. Ao cargo chegou hai xusto un ano, avalado por unha dilatada experiencia como produtor da que é a primeira variedade de queixo galego no mercado rexional, e a segunda no estatal. Só por detrás do queixo Manchego, a DOP Arzúa-Ulloa vén de pechar o seu quinto ano consecutivo medrando en produción. O Consello Regulador certificou, no 2023, 4.445.000 pezas, un 4,67 por cento máis que o ano anterior.

—Novo peche de exercicio, nova marca de produción. Está tocando teito Arzúa-Ulloa ou hai marxe de crecemento?

—É complicado falar de obxectivos de crecemento, xa que o Consello Regulador é un ente que non actúa no mercado, o Consello non vende queixo. Sen embargo, un campo no que queda moito por facer, e poucas veces se ten en conta, é o de fomentar un maior consumo de queixo. Tanto en Galicia como en España estamos moi por baixo da media europea, e a partires de aí, sempre haberá marxe de crecemento.

—O principal mercado é Galicia, pero medraron no resto do territorio estatal. En que outras rexións gusta máis o Arzúa-Ulloa?

—En xeral ten boa aceptación en todo o Estado, e a idea é seguir medrando. Para iso o pleno do Consello Regulador acorda unhas liñas xerais de actuación que vexamos que poden beneficiar a todas as queixerías, sobre todo encamiñadas á promoción e o cumprimento do regulamento da DOP. Máis aló disto, as queixerías teñen liberdade de actuación empresarial, evidentemente.

—Que riqueza aporta Arzúa-Ulloa ao territorio de produción?

—O queixo Arzúa-Ulloa elabórase con leite procedente de explotacións da área xeográfica establecida para a DOP Arzúa-Ulloa, que comprende 32 concellos das comarcas de Arzúa, Melide, a Ulloa, Chantada, Deza e varios concellos limítrofes. De igual modo, as queixerías inscritas na DOP teñen que ter a súa sede e elaborar dentro da mencionada área xeográfica. Todo isto axuda a evitar o despoboamento do rural dinamizando estas zonas e favorecendo unha actividade económica máis aló da propia elaboración do noso queixo.

— As mostras sectoriais, como a de Arzúa, son para vender, para facer promoción, para establecer relacións de mercado...?

— Ás feiras gastronómicas, coma Alimentaria en Barcelona ou o Salón Gourmets en Madrid, sempre imos da man da Consellería do Medio Rural, da Asociación Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). A esencia destas mostras é fundamentalmente dar a coñecer o noso queixo, a súa orixe, a súa historia e a súa tradición. Á marxe das mostras sectoriais, tamén de forma continua se imparten catas comentadas gratuítas a futuros profesionais da hostalaría e anuncios en cadeas de televisión estatais e en emisoras de radio, ademais de colaboracións en feiras doutros produtos con indicativo xeográfico de calidade.