A veciña de Dodro Alba Oliveira volveu feliz ao colexio rural no que estudou Infantil e fixo as prácticas de mestra para realizar agora o seu traballo doutoral
07 jun 2026 . Actualizado a las 09:47 h.O medio rural e a actividade física son dúas das paixóns de Alba Oliveira Baleirón, unha moza de 27 anos do municipio de Dodro que buscou a maneira de xuntar os dous mundos na súa tese de doutoramento. Logrouno mirando cara as súas raíces vitais e educativas: as escolas do Colexio Rural Agrupado (CRA) Dodro-Padrón. Ela foi alumna da unitaria de Laíño, á que volveu para facer prácticas despois de graduarse en 2023 como mestra de Educación Infantil e facer o Máster en Investigación e Innovación Educativa, en ámbolos dous casos na USC e recibindo o premio final.
Unha conversa con Alba Oliveira desborda entusiasmo por desenrolar a tese nas unitarias do rural. «Estou encantada coa decisión; tiven que loitar bastante para poder traer a tese para o CRA de Dodro-Padrón porque non é o habitual e tamén é máis difícil que nun colexio grande. No CRA son oito escolas, dispersas e con pouca ratio, polo que o traballo é maior, pero é moi bonito darlle peso e protagonismo ás unitarias, que saian en publicacións e que teñan ese valor que non se lles dá e que realmente teñen. Oxalá as familias que non levan os nenos a un CRA saiban da tese e digan que sorte teñen os alumnos que estudan nas unitarias. Ademais, coa tese quero facerlle un regalo e unha homenaxe ao CRA; devolverlle o que o colexio me dou a min».
Con esta declaración, a moza de Dodro resume a súa decisión de centrar a tese nas escolas do rural, baixo o título de Os modelos de vida saudable e rutinas activas na Educación Infantil. Sobre a temática, recoñece que lle influíu coincidir na carreira co docente que agora é seu director de tese, José Eugenio Rodríguez Fernández, vinculado á especialidade da docencia e da expresión corporal e actividade física. «É o meu maior ídolo no ámbito da docencia; estoulle agradecidísima e gustaríame chegar ata onde el chegou el», confesa Alba Oliveira.
Fase inicial
A mestra está coa fase inicial da tese, que incide no que ela considera un «ámbito moi esquecido» da Educación Infantil: os hábitos saudables e o exercicio físico. «É superimportante que os nenos se movan xa dende pequeniños e non está pasando», asegura. Precisamente, o primeiro paso do traballo foi ver como se moven realmente os nenos, para o que tivo que validar un podómetro accesible co que medir a actividade física dos alumnos das unitarias. Para iso, Alba Oliveira destaca que tivo a plena colaboración do CRA, que «foi moi receptivo», empezando pola súa directora Mila González, pero tamén agradece a acollida dos titores de cada escola e das familias do alumnado: «Non houbo ningunha que se opuxera», explica a mestra, que engade que os propios menores «acolleron moi ben a iniciativa».
Cos primeiros datos recollidos, Alba Oliveira apunta xa que os nenos de Educación Infantil «móvense pouco; non chegan ao nivel que deberían facelo» nin contando o exercicio dos recreos. Por iso, a mestra revela que o obxectivo da tese é «deseñar un programa para presentarlle á Consellería de Educación e que se poida implantar nos centros educativos» para reverter a actual tendencia en Educación Infantil. Así, considera que «hai que repensar un pouco a actual programación xa que, a partir dos seis anos, hai Educación Física nos colexios pero non antes», sinala a mestra, que aspira a deseñar unha planificación para Infantil con descansos activos e recreos con movemento.
Precisa que tamén conta co respaldo do grupo de investigación Esculca da USC, a cuarta pata que, xunto co CRA, familias e o titor, vertebran o seu traballo, segundo relata. Tampouco esquece o apoio da súa propia familia e agradécelle aos seus pais que lle deran a oportunidade de formarse. «Dende que empecei a carreira, deille un valor enorme ao CRA, do que teño tantos bonitos recordos de aprender moito e de estar fóra continuamente», conta Alba Oliveira antes de concluír con toda unha declaración que dá máis sentido ao que fai: «Nacín na aldea, vivo na aldea e morrerei na aldea porque o rural dáme enerxía».