Cousa Nosa saca a súa esencia galega no seu traballo «Nosaesfera»

La Voz

SANTIAGO

Grupo compostelano Cousa Nosa
Grupo compostelano Cousa Nosa Mario Moure

O epé conta con cinco temas e está inspirado nunha serie de debuxos animados

27 ene 2026 . Actualizado a las 04:50 h.

A distancia que os separa pouco importa para Xián Antelo, Martín Serantes e Cristóbal Rodríguez, os composteláns que no 2022 pasaron de compartir a súa paixón polo baloncesto —os tres coincidían xogando no equipo de Compañía de María— a formar o grupo de música de pop-rap Cousa Nosa. Desde Madrid, Romanía e Praga, onde actualmente cursan os seus estudos, acabaron de darlle forma ao seu novo traballo musical, «Nosaesfera». Este epé formado por cinco temas veu a luz despois duns últimos retoques no Nadal aproveitando o reencontro en Santiago. Un traballo que, segundo destaca Xián Antelo, supón unha evolución respecto ao do seu debut, «Sin ti me duele todo». «Antes era un son máis xenérico, pero agora tivemos unha intencionalidade de buscar un son para que fose a nosa identidade», detalla. Pero non só iso. Por primeira vez inclúen un tema en galego: «Xurdiu aproximarnos moito máis á música galega, facer máis cousas cerca do tradicional e do propio». Trátase, precisamente, do tema que lle dá nome ao disco, «Nosaesfera». «É curioso que no proceso de marchar fóra de Galicia, miramos máis ao que se fai nela. Antes os nosos referentes estaban fóra de España, pero agora hai certa escena de urbano en Galicia que nos gusta mirar», afirma o compoñente do grupo, que pon como exemplo a Chicho, de Ortiga, ou á banda Ulex, con quen van colaborar.

«Nosaesfera» está inspirado na serie de debuxos animados «Hora de aventuras» e, precisamente, o primeiro tema toma un pequeno diálogo dela cun «dale al play que tengo muchas cosas grabadas». Teñen moitas cousas gravadas? «Si (ri), o noso proceso creativo soe deixar moitos cadáveres polo camiño, maquetas sen rematar...», afirma Antelo. Agora, o obxectivo, ao vivir este ano en cidades tan distantes, é manter vivo o proxecto descentralizando a creación e aproveitando o máximo cando se xuntan, como neste Nadal.