A formación interpretará ata maio catorce pezas do repertorio do país, seis delas estrea
15 ene 2026 . Actualizado a las 04:50 h.O repertorio galego toma protagonismo no novo ciclo de concertos da Banda Municipal de Música de Santiago: na ducia de concertos programados ata maio incluirán catorce composicións do país, seis delas serán estrea absoluta. «Estas obras non están aí de maneira impostada, senón porque estamos vivindo unha época na composición galega para banda dourada ou moi doce. Hai un repertorio de moitísima calidade, como as estreas que imos facer e outras obras máis clásicas, pero actuais», afirmou David Fiuza, que con esta programación volve a tomar o temón da formación bandística, como xa fixera entre o 2021 e o 2024. «Estou encantado de estar outra vez traballando para esta cidade a través da música, é un orgullo», manifestou.
Con anterioridade, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, doulle a benvida afirmando que «é un luxo para a Banda e para Compostela, telo como director». Tamén incidiu na importancia de que a formación interprete obras inéditas galegas para «contribuír na construción dese repertorio propio».
A programación tamén reflectirá «o potencial artístico» do país, coa participación de varios solistas, todos eles galegos. Destaca a presenza de Rosa Cedrón, que actuará o 8 de febreiro nun dos concertos de referencia do ciclo. Nel estrearase, ademais, unha obra de Carme Rodríguez e participarán a Banda Sinfónica Galega e a artista plástica Noa López. Os outros solistas ao longo do ciclo serán Iria Pérez Antelo (marimba), Lidia Iglesias (óboe) e Adrián Silva Magadalena (frautín).
En «De lugares e órganos»
Unha das novidades será a participación por primeira vez da Banda Municipal no ciclo «De lugares e órganos». «Imos facer repertorio de órgano tocado pola banda. É unha maneira de humanizar o órgano», apuntou Fiuza. Outra das novidades está no concurso de dirección, que este ano incluirá todo obras de estrea e os candidatos poderán conversar cos compositores.
Á ducia de concertos do ciclo ata maio, haberá que engadirlle tamén os concertos didácticos baixo a batuta de Casiano Mouriño, que contarán con Cristina Collazo e Josito Porto.
O ciclo arrancará este domingo no Principal coa interpretación das obras gañadoras da Federación Galega de Bandas de Música Populares, con quen colabora ao longo da tempada, ao igual que co Conservatorio Profesional.