A programación desenvolverase do 1 ao 15 de marzo, pero hoxe e mañá haberá atranques e vivas en Marrozos e Angrois
22 feb 2025 . Actualizado a las 04:55 h.«Será o entroido máis rexoubeiro e máis compostelán dos últimos anos». Así definiu a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, este vindeiro carnaval, para o que deseñaron programación do 1 ao 15 marzo, cun adianto coa saída dos Xenerais da Ulla hoxe por Marrozos e mañá por Angrois —incluye presenza do Entroido de Cobres—. O selo de «compostelán» chégalle ao poñer o foco na propia tradición, cun pregón a cargo Lucía Domínguez e Alba dos Santos, dúas xeneralas santiaguesas, «que farán mofa e sátira de asuntos de carácter local que sucederon durante o último ano», e tamén cun cartel a cargo de Blanca Millán no que non faltan as Marías e a Berenguela, entre outros elementos identitarios.
O inicio oficial do entroido será o día 1 co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20 horas da praza de Cervantes cara O Toural acompañado por Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño, así como a charanga Os Chafalleiros. Este ano o «Meco enredando» aborda con ironía a utilización das redes sociais. A personaxe, ademais, está a medio camiño entre Trump —que xa foi protagonista noutra edición— e Elon Musk. «Cúmprense corenta anos do primeiro Meco, que foi unha idea de Chicho Losa, pero van 35 porque houbo algúns anos que non o houbo», afirmou José Manuel Méndez, autor desta figura que xa se converteu en sinal de identidade do entroido compostelán.
No inicio do reinado e para encargarse do pregón estará acompañado polas xeneralas da Ulla Alba dos Santos e Lucía Domínguez, esta última de só 14 anos e que onte participou na presentación do programa. «No mundo dos cabalos e entroido levo desde que nacín porque é unha tradición na miña familia; lévoo no sangue. O ano pasado empecei cos xenerais. [...] Gózase moito ao recorrer as rúas, coa xente...», detallou á pregoeira á que o encargo a colleu por sorpresa a semana pasada. Coa elección destas pregoeiras buscan «visibilizar o traballo que hai detrás do entroido», afirmou a concelleira Pilar Lueiro.
As rúas tamén se encherán de música e baile polo entroido. Nese primeiro día animará o casco histórico a A. F. Colexiata do Sar; o domingo 3 serán Os Conformistas de Conxo (10.30 a 14 horas), Bloco da Escola de Latexo (13 a 14 horas) e a charanga Tíralle do Aire e a comparsa A Ruliña de Laraño (18 a 20 horas). Na xornada dominical non faltará o xa tradicional festival infantil de disfraces a partir das 18 horas na Sala Capitol. O luns será a quenda de Os Chafalleiros e Armatroulas de Larazo, da charanga El Tattoo e a comparsa de Maruxas e Coralias para poñerlle cor e animación ás rúas. O martes será o día grande, como é tradicional, co desfile de entroido a partir das 17.30 horas. Este ano medrará especialmente a participación de comparsas. Ao igual que o ano pasado, os participantes composteláns que non gañen ningún dos premios entrarán nun sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica. O mércores 5 será a Queima do Meco.
O sábado 15 de marzo haberá un desfile das Xeneraliñas da Semente e tamén se celebrará o Entroido de Conxo, con actividades durante toda a xornada.