O CDG recupera a peza «Terceiro acto» despois de tres anos co gallo do seu 40.º aniversario
SANTIAGO
A súa reestrea será mañá xoves en Santiago, onde haberá funcións ata o día 20, e a finais de mes iniciará unha xira por oito escenarios galegos
02 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Terceiro acto chegaba por primeira vez ás táboas en abril do 2021 para reivindicar o papel das persoas maiores na sociedade actual. Ao mesmo tempo, esta produción do Centro Dramático Galego (CDG) servía de homenaxe á xeración de actores e actrices que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia. Sen embargo, as restricións pola covid incidiran nas súas representacións e non puidera facerse unha xira. Agora, a compañía de teatro pública galega rescata esta montaxe co gallo do seu 40.º aniversario e, ao mesmo tempo, salda en certo modo esa débeda pendente. Mañá o espectáculo reestréase no Salón Teatro e despois da súa estancia en Santiago iniciará un percorrido por outros oito escenarios galegos.
A peza, baixo a dirección e dramaturxia de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, conta agora coas interpretacións a cargo de Belén Constenla, Fernando Morán, César Cambeiro, María Costas e César Goldi. Estes tres últimos toman a testemuña a Tatán R. Cunha, Mabel Rivera e Roberto Leal, integrantes do elenco inicial. Ademais conserva a escenografía, vestiario, coreografía e iluminación orixinal.
O espectáculo poderá verse no Salón Teatro desde mañá ata o día 20 —funcións de mércores a domingo, 18 horas (agás o día da reestrea)—. Haberá servizo de autobús desde unha ducia de localidades para poder acudir ata Santiago—. Despois, a montaxe Terceiro acto iniciará unha xira que a levará neste mes por Lugo (día 24), Narón (día 26) e Tui (día 31). En novembro recalará en Pontevedra (día 2), O Barco de Valdeorras (día 8), Cedeira (día 10), A Coruña (día 14) e Ourense (día 16).