Os Monicreques de Kukas: «Representamos para un ou dous espectadores de cada vez. É algo moi íntimo»

La Voz

SANTIAGO

Sandra Alonso

A compañía compostelá de monicreques volve hoxe a Alameda co seu teatro en miniatura

07 ago 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Son cinco minutos no que unha historia toma forma para un só espectador. Ou como moito son dous os que a poden observar. Marcelino de Santiago, Kukas, e Isabel Rey, membros da compañía Os Monicreques de Kukas, achegáronse onte e hoxe repiten (18 a 20 horas) ao paseo da Ferradura da Alameda (ao carón da estatua de Federico García Lorca) para ofrecer dúas pezas nos «tutilimundi». Trátase dunha modalidade na que unha pequena caixa se converte en escenario. «Facemos unha representación para un ou dous espectadores de cada vez. Trátase de algo moi íntimo», destaca Kukas.

Estes teatrillos en miniatura, que xa aparecen reflectidos nas pinturas de Goya —tal e como lembra Kukas—, «deixan unha sensación moi distinta a outros espectáculos». Nese sentido, o artista destaca que «o espectador sabe que lle estamos facendo esa representación para el só, que non hai ninguén máis. Isto fai que se compenetre máis coa persoa que está representando. Sínteo doutra maneira». Compara esta modalidade cun perfume: «É algo concentrado, pequeno, pero todo con moita intensidade».

Deste xeito, os que se acheguen hoxe a Alameda para participar nesta proposta incluída na programación do Festival C do Concello de Santiago poderán asistir a dúas representacións de cinco minutos cada unha. Trátase dos espectáculos «Gernika», no que como pano de fondo está a denuncia sobre as guerras, e «S.O.S. Emerxencia ambiental», que pon o foco na contaminación dos océanos. «Hai que mobilizar a conciencia do público», resalta Kukas, que leva 45 anos de traxectoria no eido dos monicreques.

Se para o espectador é unha experiencia moi distinta estes proxectos de «tutilimundi», para eles como creadores tamén. «Temos que estar controlando todos os detalles, pero tamén recibes as sensacións do espectador. Ves por exemplo como en ‘Gernika’ a persoa que o ve pasa da risa ao choro en cinco minutos», detalla.

Máis alá desta actuación en Santiago, Os Monicreques de Kukas acaban de estar formando parte dun proxecto do CDG nun festival e tamén prevén varias actuacións ao longo de Galicia. Entre as iniciativas actuais tamén destaca unha exposición en Alcorcón (Madrid) na que expoñen as marionetas. «Estamos encantados de representar a Galicia, son 45 anos facendo marionetas», resalta.