Lembranza de Juan José Rodríguez

X. Manuel Broz

SANTIAGO

CEDIDA

Xosé Manuel Broz, director do Museo Terra de Melide, evoca a figura do comerciante do histórico ultramarinos melidense Casa Juanito

11 ene 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Un melidao da liñaxe dos Rodríguez Ureña, «os Aceiteiros», que asentaron na vila antes do ano 1887, na casa vella do Cruceiro; desenvolvendo moita actividade social, mercantil e cultural. Juan José era un referente na memoria histórica, presente sempre na vida melidá, home de fiel relato e amor á vila, a persoa a quen lle preguntar polo noso pasado.

Era unha figura no Cruceiro de Arriba, coa súa sempiterna presenza, na casa paterna de seu pai Salustiano, de seu avó Juanito, do vello Andrés... que el custodiaba con lealdade filial. Membro dunha antiga estirpe, puidérase dicir que co seu pasamento Melide perde memoria, perde un melidao dos vellos, e eu perdo a quen preguntar con éxito as cousas da nosa vila.

Quizais faga esta viaxe na súa moto Vespa, como cando era mozo, ou na bici, baixando cara a igrexa, tan devoto, ou na procesión do Carme, seu confrade, acompañando a seu tío cura, don Germán, riseiro e xeneroso.

Sempre na lembranza, Juan José, nesta nosa tan querida vila de Melide.