Basilio, o meu amigo

SANTIAGO

SIRO

Persoa clave na cultura galega, o tradutor e crítico falecía o mes pasado

20 jul 2022 . Actualizado a las 13:18 h.

A comezos dos setenta, Basilio Losada rexeitou unha cátedra de Historia Contemporánea Europea en Chicago para seguir ocupando un posto de axudante sen paga na universidade de Barcelona. En 1997, cando o entrevistei para a Voz, era catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, cun equipo de once profesores e aqueles 20 alumnos do primeiro curso multiplicáranse ata chegaren aos 1.200, dos que so un 5 % eran galegos ou fillos de galegos. Con razón recoñecémolo como embaixador das Letras Galegas en Catalunya e no mundo.

Basilio brillou como conferenciante, prologuista, crítico literario e de artes plásticas, e noutras actividades intelectuais; pero os amigos valoramos, sobre todo, o home que foi: bo, tan cordial como xeneroso, e ademais amenísimo conversador e extraordinario fabulador.

A capacidade imaxinativa foi un don que Basilio sentiu xa de neno, en Láncara, na casa natal, cando viu a Deus. Na lareira sempre había un pote de caldo e a porta ficaba aberta para que calquera entrase e comese. A avoa dixéralle que non preguntase a ninguén quen era nin de onde viña, porque podía ser «o Noso Señor». E un día entrou un home moi vello, de barbas moi brancas, cangado de costas, que comeu o caldo con moita fame; despois púxose en pé e rezou unha Ave María polos mortos da familia. Basilio non dixo nada, pero durante moito tempo pensou que aquel vello era Deus. Desde entón non deixou de fabular e se alguén recollese só unha parte das fantasías que creou sobre os temas máis dispares en tertulias e sobremesas, teriamos un dos libros máis fermosos da literatura galega. Eu pregunteille naquela entrevista por que non escribía e respondeume:

—Porque necesito a presenza física do espectador. Non escribo nada que non me pida un amigo, pero os prólogos que levo feito dan un libro de 800 páxinas.

Outra cualidade de Basilio foi o sentido do humor. Gustáballe rir e facer que a xente rise arredor del. Nas historias que contaba, case sempre cunha base de realidade, adoitaba presentarse un chisco ridículo. Gustáballe o papel de antiheroe e representábao con éxito. Tamén era tímido, moito; tanto que nunca ousara piropear a unha muller e sentíao como una covardía a superar. O día que entrou na Universidade estaba tan ledo e eufórico que pensou: «Hoxe, á primeira muller guapa que encontre, piropéoa». E como un tecelán oteou o horizonte e viu na parada do bus una muller fermosísima.

—¡A esa! —dixo Basilio, e lanzouse.

Tiña que atravesar a rúa e empezou a facelo a grandes alancadas, pero segundo se achegaba á beldade daba os pasos máis curtos e cando chegou cabo dela, levaba andar de perdiz. A fermosa ollouno, pensou que quizais necesitaba axuda e díxolle amablemente:

—¿Desea algo?

Basilio, con voz afogada, confesoulle:

—Es que quería decirle a usted un piropo.

A muller, intelixente e comprensiva, animouno:

—Pues dígamelo.

Basilio baixou a cabeza e só puido dicir:

—No, así no.

Pero Basilio estimaba a presenza dunha muller fermosa, como estimaba unha boa comida regada con bo viño na compaña dos amigos. Fuxía dos ascéticos e repetía as palabras de Lutero: «Hai que desconfiar dos que non aman as mulleres, o viño e as cancións». Erguíase cedo, ía a pé á facultade e almorzaba nun pequeno café onde paraban noctámbulos, traballadores nocturnos e prostitutas que ían de retirada. Véndoo sempre traxeado e cunha gran carteira na man, coidaron que era médico e algúns aproveitaron para faceren unha consulta gratuíta con el. Basilio escoitábaos, asentía, recomendáballes vida sa e remataba cun consello:

—Y siempre que pueda, tome a la cena media botellita de Marqués de Cáceres.

Pasei moitas xornadas con Basilio e deixa en min, como en todos cantos gozamos da súa amizade, un recordo entrañable. Cando souben da súa morte recordei as palabras que me dixera despois de pasar pola cegueira, nunha etapa de grande serenidade, na que cada día era para el un proxecto e unha ilusión: «Sei que non vou morrer en Galicia, pero quixera que algún amigo presente dixese nese intre algunhas palabras en galego, o primeiro idioma que oín, para pechar o meu ciclo vital». Seguro que foi así.