Un colexio chamado Marisol

ASER ÁLVAREZ

SANTIAGO

O patio do Raíña Fabiola amenceu onte con ducias de flores e mensaxes de agarimo a Marisol Suárez, a conserxe do centro, falecida o sábado
O patio do Raíña Fabiola amenceu onte con ducias de flores e mensaxes de agarimo a Marisol Suárez, a conserxe do centro, falecida o sábado XOAN A. SOLER

A muller humilde e comprometida que sabía os nomes de todo o alumnado do Raíña Fabiola dende o primeiro día de curso e sempre estaba atenta sen facerse notar

06 abr 2022 . Actualizado a las 00:23 h.

Hai cousas esenciais que non saen nos libros. Coma os valores humanos que afortunadamente aprendemos nós e os nosos fillos e fillas de persoas tan extraordinarias e humildes coma Marisol, a conserxe e alma do colexio Raíña Fabiola dende hai máis de trinta anos. A muller humilde e comprometida que sabía os nomes de todo o alumnado dende o primeiro día de curso e sempre estaba atenta sen facerse notar. Por iso quedamos algo orfas as familias coa súa morte prematura, unha partida moi ao seu estilo, discretamente, silandeira e sen avisar, dicindo que ía buscar leña.

Fica un baleiro enorme na súa familia e tamén neste colexio que está na beira do río Sarela, un edificio ao que lle falta agora unha peza esencial e que amenceu onte rodeado das mostras de amor dos 247 nenos e nenas (o alumnado actual do cole) que gardaron un minuto de silencio a carón da noceira que Marisol axudou a prantar hai anos para darnos sombra e acubillo.

Ademais de árbores, esta gran muller sementou tanto agarimo e amor que fomos moitos os que a despedimos nun día frío e luminoso na carballeira de San Fins de Sales. E máis aínda os que a choramos e a imos botar de menos sabendo, iso si, que vai vivir para sempre na nosa lembranza e nos corazóns dos nenos e nenas que tiveron a sorte de que se cruzara no seu camiño.

A última vez que estivemos xuntos foi hai uns días tomando un café antes de ir traballar. Moitas veces coincidiamos e falabamos. Como tiñamos confianza pregunteille a súa idade e vendo que xa lle quedaba pouco para xubilarse animeime a falarlle dunha vella teima miña dende o meu tempo no consello escolar. Díxenlle que dende Anpa queriamos propor o cambio de nome do cole cando ela se retirara. Coa súa humildade habitual díxome que me deixara de lerias, que estaba moi ben así a cousa e que a Fabiola nin tocala. Eu confeseille que somos moitos os que queremos un colexio chamado Marisol. E hoxe aínda máis.