Sés: «É unha honra que Luz Fandiño me deixe cantar os seus versos»

La Voz

SANTIAGO

CESAR QUIAN

A cantautora actúa ás 20.30 desta noite no Auditorio de Galicia

10 feb 2022 . Actualizado a las 21:44 h.

Hoxe • 20.30 horas • Auditorio de Galicia • Desde 20 euros • «Liberar as arterias», o sétimo disco de Sés, ía chegar en directo a Santiago en abril do 2020. Sen embargo, a pandemia retrasou esa cita case dous anos. A espera pode traer un valor engadido. Sés asegura que será un concerto «con sorpresas, con convidados, máis especial e máis emocionante». A cantautora quere, deste xeito, agradecer a todos aqueles que conservaron as entradas: «Vai ser algo moi chulo, moi especial e de verdade».

Neste disco, Sés honra á poeta compostelá Luz Fandiño. Precisamente, dos seus versos toma o título o traballo discográfico. «Luz Fandiño é unha auténtica poeta, é honesta, irreverente..., e, polo tanto, non suficientemente admirada polo academicismo. [...] Luz é unha persoa demasiado pouco recoñecida para o importante que é non só a nivel humano, senón a nivel literario», afirma a cantautora, apuntando que ás persoas hai que tributarlles homenaxes en vida. Pero Sés vai máis aló: «É unha honra que Luz Fandiño me deixe cantar os seus versos, que a min me gustaría ter escrito eu. A que me vai facer o favor é ela a min».

Sés, en alusión ao título deste sétimo traballo, destaca a importancia de «centrar os nosos esforzos en liberar as arterias da ira, da frustración, porque temos que ser loitadoras desde o vitalismo»

O concerto de mañá venres en Santiago, para o que xa quedan moi poucas entradas á venda, supón tamén o peche do percorrido por Galicia de «Liberar as arterias» antes de emprender a xira por América do Sur, que a levará en marzo por Arxentina, Uruguai e Chile. «Estou moi contenta por volver, síntome máis integrada en Latinoamérica ca en Europa. Alí a xente está moi afeita a escoitar», afirma a cantautora.