O festival Maré unirá á Filharmonía cun trío de Malí e homenaxeará a Narf

La Voz

SANTIAGO

OSCAR CORRAL

Desenvolverase entre o 23 e o 26 de setembro en diferentes espacios de Santiago

18 sep 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

Diversidade e encontro. Dúas palabras que poderían definir ben a nova edición do festival Maré -a segunda en Santiago despois de quince como Cantos na Maré en Pontevedra-, que programará máis de trinta propostas culturais entre o 23 e o 26 de setembro. Diversidade en canto a xéneros musicais: pop, blues, soul, música electrónica, rap, reggae e outras músicas de raíz..., que serán interpretadas en distintas linguas. «Non pretendemos que sexa a ONU das linguas, pero si un punto de encontro», afirmou Vítor Belho, promotor desta cita cultural, apuntando que participarán tamén promotores doutros festivais e animando aos grupos asistentes a establecer conexións cos restantes integrantes do cartel. «Queremos que sexa o grande encontro da música profesional de Galicia», engadiu na presentación na que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e os dous integrantes do grupo Verto, que actuarán o día 24 en Bonaval, a última cita antes do seu parón ata o ano que vén.

Precisamente, a esa diversidade e encontro responden varias das iniciativas singulares de Maré, como é a proposta compartida do Trío da Kali (Malí) e a Real Filharmonía, que chegará o venres. A ese mesmo intercambio creativo responde a homenaxe a Narf para despedir o festival, xa que se recuperará o seu proxecto «Bumba», como era o desexo do artista falecido hai cinco anos, contando coa participación de artistas galegos e de territorios africanos de fala galego-portuguesa.

As actividades deste encontro coas músicas e artes atlánticas desenvolveranse no Teatro Principal, o Auditorio de Galicia, a praza da Quintana e o parque de Bonaval, precisamente neste último haberá, ademais de actuacións en dous escenarios, postos de artesanía e unha área de gastronomía. A música poñerana, entre outros, Luiz Caracol, Japa System, Albert Pla, Ferran Palau, Bia Ferreira, Jéssica Caitano, Luana Flores, Nación Ekeko e os galegos Verto, Néboa, Familia Caamagno, Ailá e Davide Salvado.

Á espera de permiso para que o público poida estar de pé

 

 

«Agardamos que sexa un dos primeiros festivais en Galicia nos que se poida estar de pé», asegurou Vítor Belho, referíndose ás conversas do sector coa Consellería de Sanidade para flexibilizar as normas nas actividades culturais. Explicou que as capacidades máximas das actividades están deseñadas en función da situación actual -os abonos xa están á venda-. Tamén a concelleira de Acción Cultural avogou por dar pasos cara a normalidade. Tamén anunciou o apoio do goberno á iniciativa presentada para que o Centro Xove da Almáciga leve o nome de Narf. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística resaltou que Maré é o «festival do plurilingüismo».