«Poñer en valor a cultura galega merece a pena, e a resposta é marabillosa»

Iván Caride / I. c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

CATUXA PRIETO

Co aforo completo nos concertos, moitos dos asistentes animáronse a danzar e cantar nun ambiente de festa en Bonaval

17 ago 2021 . Actualizado a las 11:42 h.

Xa desde primeira hora da mañá os artesáns se preparaban para un día de festa cargado de emocións. A xornada comezou cun ton agrisado que ameazaba choiva, sen embargo, o canto e a danza dos asistentes obrigaron ás nubes a desaparecer, dando paso a una sesión soleada e agradable. O emprazamento non podía ser mellor, ás once da mañá todo o parque de Bonaval encheuse da ledicia e a ansia dun público de todas as idades desexoso de celebrar a cultura galega.

Tan só media hora máis tarde comezaron as actuacións no escenario da Porta da Música. Os primeiros en saír foron Antonio Prado e Miguel Vázquez, que inauguraron esta terceira edición do festival cun pasodobre levado co son da gaita e do tambor, animando ó público máis activo a danzar e cantar. O dúo presentou un proxecto musical enfocado nas parroquias de Ordes e na música popular da súa zona, lugares que, entre risas, afirmaron que teñen «moito carácter, pois está bañado polo río Cabrón». Ademais, os músicos explicaron que nesa zona en particular posúen distintas formas de tocar, de aí a presenza de gaitas con diferentes dixitacións.

Unha vez comezado o festival, xa non podía parar, a mediodía a igrexa de Bonaval serviu de localización para un proxecto que xuntou a Mozart con Galicia con algunhas das cancións tradicionais máis coñecidas. O grupo Mozart á Galega, formado por un violín, unha viola, un violonchelo e frauta traveseira, comezou mesturando o «Cuarteto en la maior» co «Alalá das mariñas», explicou seu líder, Luís Soto, e continuaron cun repaso polos cuartetos do compositor salzburgués, «reinterpretando» a música clásica ao estilo galego.

Entrementres, nos espazos do parque, parellas, familias e grupos de amigos foron capaces de gozar do sol e da calor dos cantareiros e os danzaríns. «Paréceme unha proposta preciosa, todo o que sexa poñer en valor a cultura galega merece a pena, ademais a resposta está sendo marabillosa», comentaron Claudia Brey, Paloma García e Florencia Espiñeira, tres amigas preparadas para un día de tolemia.

A organización tamén se mostrou satisfeita co traballo e a acollida desta terceira edición, Paula González, membro do staff, comentou: «O día está perfecto, a xente estase a comportar como é debido cumprindo coas medidas de seguridade e ademais estano pasando ben, dá gusto velos».

Arredor das 12.30 o grupo Tor, composto por bouzouki, acordeón diatónico, frauta e contrabaixo, foi quen de elevar os corazóns do público tocando algunhas pezas e ritmos pausados. A agrupación presentou un set máxico composto especialmente para a película «Luarada», sobre a lenda de Romasanta, que aínda está en desenvolvemento. Non faltaron nin a complicidade nin as risas, que contaxiaron ata o público máis novo.

Xa preto da hora de comer, o festival atopábase no seu máximo esplendor, as imaxes da festa transportaron á audiencia de novo á vida antes da corentena e a festa continuou da man de Os da Porfia, que coa súa retranca xeraron risas a gargalladas cunha divertida posta en escena. O compostelán Fernando Saavedra, membro da agrupación, destacou que ver á xente bailar lles animou moito, «sobre todo nestes tempos que nos tocou vivir onde temos que romper un pouco o xeo». Tamén reafirmou a necesidade de impulsar estes festivais onde a «afluencia do público é cada vez maior» e onde se xuntan todas as xeracións.

Anxo Minguillón e Miguel Rodríguez achegáronse cuns amigos a gozar da música e os produtos galegos: «En festivais coma o Son do Camiño sempre hai artistas nacionais ou internacionais, iso está ben, pero os artistas galegos parece que quedan de teloneiros e non destacan tanto, gústame este festival porque o noso é o protagonista», afirmaron.

Xico de Carinho e Cuchús Pimentel puxéronlle a guinda a una mañá rebosante de enerxía. O trío formado por guitarra, harmónica e baixo, explicou e interpretou cancións populares galegas e de varios países, engandíndolles un toque de humor moi persoal que deixou ao público con moi bo sabor de boca incluso antes de marchar a comer.

Ademais, os artesáns mostráronse agradecidos pola iniciativa e a oportunidade, Vanessa Abelairas, de La Chapera, declarou que «é unha iniciativa preciosa para dinamizar o produto galego e apoiarnos entre nós», e así o confirmaron compañeiros seus coma Óscar Cid, da empresa Sovoral, elaboradores de mel crúa orgánica; Jorge Alonso, de Adegas Celme; ou Viki Berre, de Morgana e Fillas.