Hai unha forza de cambio

Borja Verea Fraiz PRESIDENTE DA XESTORA DO PARTIDO POPULAR DE SANTIAGO

SANTIAGO

29 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoiteille hai uns meses a Carlos Salgado, un dos físicos galegos máis importantes, dicir que «as matemáticas dannos paz porque funcionan». Chegamos á metade de lexislatura do goberno local en Santiago e é o momento das enquisas e os balances. A do pasado domingo publicada por este xornal deixa un dato demoledor: o 82,1 % dos enquisados din que a cidade non mellorou despois de dous anos de mandato. Oito de cada dez composteláns preguntados din que a cidade segue paralizada. E outro indicador, quizáis máis duro, a metade dos veciños preguntados, practicamente un de cada dous, din que Santiago está peor que hai dous anos cando tomou posesión o actual equipo de goberno.

Estas respostas directas dos veciños non falan de partidos políticos, non falan de estimacións ou porcentaxes de voto, nin sequera de se é mellor este alcalde, o anterior ou os que virán. Falan dun malestar, dun descontento que os que nacimos aquí e sentimos Santiago sabemos que está aí, un estancamento e parálise que leva moitos anos latente, sen culpables específicos, ou o que é o mesmo, sendo todos un pouco culpables. Este descontento é unha forza de cambio, é unha enerxía que quere un novo futuro para Santiago despois de case dúas décadas de camiñar sen avanzar.

Sendo unha cidade privilexiada en cuestións como as zonas verdes, ben integradas e accesibles, e tendo o casco histórico máis fermoso e auténtico de Europa non somos quen de conseguir unha cidade amable, onde as familias e os veciños recuperen o control do seu tempo e espazo. Seguimos insistindo na tecnoloxía, os paneis e os radares e esquecemos que o esencial son as persoas, porque son os veciños de Santiago os que fan Santiago. As cidades do futuro non van ser cidades «smart», nin cidades «intelixentes», as cidades do futuro van ser cidades «sensibles», cidades «humanas» que, como di o arquitecto Carlo Ratti, son aquelas que teñen como única prioridade as necesidades dos seus habitantes.

Empresas e emprego de calidade, si, pero ao mesmo tempo dotar a cidade de vivendas accesibles para estas novas familias, non só se trata de traballar en Santiago, trátase de vivir en Santiago. Aparcadoiros que alivien as rúas, unha mobilidade sostible baseada no transporte público e unha aposta polo noso comercio tradicional e de proximidade. Capítulo aparte require o turismo e o equilibrio do casco histórico, que non pode seguir perdendo a súa autenticidade, pero ao mesmo tempo demostrouse que está no noso ADN protexer aos peregrinos, necesitámolos e necesítannos.

Na primeira parte da lexislatura o Partido Popular de Santiago foi un exemplo de lealdade institucional, reducindo a crítica política e concentrando os esforzos en traballar xuntos para superar a pandemia.

Agora toca construír un proxecto renovador e transversal, un deseño en positivo que permita canalizar toda esa forza de cambio e se, como diciamos, «as matemáticas dannos paz» é igualmente certo que «a política danos futuro».