A Universidade de Santiago homenaxea a Xela Arias, «muller transgresora e comprometida»

Miriam García
m. g. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O acto celebreouse no Salón Nobre de Fonseca

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Universidade de Santiago rendeu tributo onte a Xela Arias, «muller transgresora e comprometida, insubmisa e desconforme, radicalmente independente e sobre todo esmagadoramente honesta», en palabras do director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás, que interveu no acto celebrado no Salón Nobre de Fonseca para presentar o libro Xela Arias. A literatura e a vida, por elección, que publicou a institución académica.

O reitor da USC, Antonio López, destacou que este ano a homenaxeada é unha poeta contemporánea. Isto, afirmou, supón que Xela Arias asumiu principios e valores que están de actualidade, como é o caso da liberdade, a independencia, o feminismo e o galeguismo.

Durante o acto, a profesora Chus Nogueira foi a encargada de repasar a traxectoria da autora, tanto a súa obra literaria, como achegando as súas facetas de editora, docente e tradutora. O acto tamén incluíu a lectura de textos poéticos por estudantes do Grao en Lingua e Literatura Galegas e un recital musical de Fernando Abreu, con gravacións da voz de Xela Arias.