Seguir os pasos de Rosalía en Santiago é máis doado dende onte, logo da presentación do libro Espazos de Rosalía en Compostela. Un paseo por Santiago con Rosalía de Castro, que veu a luz da man do Concello e a Agrupación Cultural O Galo. Todo «un minucioso traballo de investigación» de Mercedes Espiño que acaba creando unha simbiose entre a poeta e a cidade que a veu nacer e «na que Santiago sae gañando», segundo a concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, quen presentou a publicación con Espiño.
Ao longo das súas 190 páxinas, Espazos de Rosalía en Compostela, do que se editarán mil exemplares, vai descubrindo os recunchos de Santiago polos que transitou a autora de En las orillas del Sar. Imaxes de Rosalía, documentación e textos da propia escritora e de persoas vinculadas con ela van dando conta da súa presenza en Compostela, «o principal escenario na súa vida», segundo Espiño, quen reivindicou «unha Rosalía relacionada con Compostela» e propuxo o reparto dun roteiro rosaliano nas oficinas de turismo. O libro fai ese itinerario en torno a 22 lugares vinculados á poeta (sinalados nun mapa despregable) que serven para manter o relato do que foi a súa vida na cidade. Tamén enumera os lugares no que se sitúa a Rosalía entre os anos 1837 e 1885.