Antonio López, reitor da USC: «A Cidade da Saúde é un proxecto transversal, non só construír un edificio»

Montse García Iglesias
mONTSE GARCÍA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

Empezarán por modificar o plan do campus sur e redactar os proxectos

28 dic 2020 . Actualizado a las 11:19 h.

Novo espazo para acoller Farmacia e Enfermería nas proximidades do Hospital Clínico, a rehabilitación do edificio de Medicina en San Francisco e a reurbanización da praza do Seminario de Estudos Galegos conforman os eixos básicos da Cidade da Saúde, o gran proxecto que ten a Universidade de Santiago co que pretende resolver carencias que arrastran as tres facultades e, ao mesmo tempo, incidir na mobilidade no propio campus sur. «É un proxecto importante pola cuantía e polo impacto que ten sobre un sector importante como é o da saúde», afirma o reitor Antonio López. O prazo inicial previsto é de cinco anos. «Ese é o obxectivo de máximos, se puideramos facelo nese tempo estaría moi ben, pero é unha estimación inicial», engade.

-Coa nova Cidade da Saúde prevén que estreen centro Farmacia e Enfermería cando o proxecto do anterior equipo reitoral pensaba nunha nova facultade de Medicina, que quedan en San Francisco.

-Hai un ano tomamos a decisión tanto no claustro como no consello de goberno. Levamos primeiro unhas liñas xerais e despois un plan de infraestruturas a medio prazo da nosa Universidade. Nel, despois de analizar as propostas, necesidades e a situación, a Universidade apostou por manter a actividade docente no actual edificio de Medicina en San Francisco e, ao mesmo tempo, daba prioridade á actuación no que se refire a Farmacia, que non temos agora facultade como tal —os alumnos están seguindo as aulas a maior parte en Dereito pero tamén noutros centros—, polo que hai unha necesidade evidente. Ademais, tiñamos o caso de Enfermería, onde as instalacións que agora teñen en Xoán XXIII non parecían as máis axeitadas, entón xa falabamos de novos espazos tanto para Enfermería como para Farmacia. No caso de Medicina, ao mesmo tempo que se mantén e se rehabilita o actual edificio, tamén se propón que se poidan levar ao bloque docente que hai no Hospital agora o curso de terceiro, co cal quedarían os alumnos de primeiro e segundo de Medicina en San Francisco, porque son as materias de formación xeral preclínicas, e todos os cursos cunha compoñente práctica teriámolos no espazo docente xunto ao Clínico. É outra plasmación, pero é unha decisión que xa se analizara o ano anterior. Ademais, desde o punto de vista da universidade pero tamén da cidade, considerábase que tiña valor seguir mantendo a actividade en San Francisco, na zona vella.

-Pero, por que unir Farmacia e Enfermería?

-Faltaba por concretar a ubicación. Nunha previsión inicial pensabamos en deixar Farmacia onde está, demoler o que había e volver a construír alí, pero analizando a edificabilidade que temos noutras parcelas do campus e a proximidade que temos co hospital, pero tamén con outras infraestruturas que ten a Universidade de investigación, como é o Cedega e o Cimus, parécenos —e tamén é ben acollido por toda a comunidade universitaria— que está mellor canto máis cerca dese bloque de estudos e de investigación, que é o que conforma agora o proxecto de Cidade da Saúde.

-Despois da boa acollida expresada por Xunta e Concello tras presentarlle o proxecto, cal é agora o seguinte paso para que do papel pase a materializarse a Cidade da Saúde?

-O primeiro que temos que facer son uns proxectos básicos e de execución para poder estar en disposición a partir de mediados do ano que vén de atopar financiamento para poder empezar canto antes as obras, que van ser seguramente secuenciadas, modulares, porque o investimento é importante. É unha actuación coordinada de administracións, autonómica fundamentalmente, pero tamén da local, porque vamos a traballar xa inmediatamente nunha adaptación urbanística do plan especial do campus para encaixar o proxecto.

-Son 84,2 millóns de euros, o que supón 12 máis que o que calculaban vostedes de custo para o proxecto de Medicina descartado. Temen que o actual contexto poida retraer as inversións das administracións ou, en cambio, os fondos europeos poden ser a clave para facelo realidade?

-Paréceme que hai unha gran oportunidade. Estamos falando de 80 millóns todo o conxunto das actuacións, que, ademais, se poden secuenciar no tempo. Unha das liñas estratéxicas de financiamento a nivel da UE está relacionada con todo o que ten que ver coa senda verde, sostenibilidade, eficiencia enerxética... Penso que moitas das actuacións, particularmente a que ten que ver coa rehabilitación da Facultade de Medicina -na que imos empezar a actuar puntualmente de xeito case inmediato, actuando sobre as envolventes e adaptando o salón de actos para empregalo como espazo docente-, pode ter cabida. Outro dos eixos estratéxicos da UE é apostar pola resilencia dos sistemas de saúde, e este proxecto vai na liña de reforzar a docencia, a investigación, a asistencia e a administración relacionada coa saúde.

-Canto terá que aportar a USC? Como afrontarán esa achega?

-Cando presentamos este proxecto, propoñemos unha actuación que cando remate supón que teñamos menos metros construídos dos que temos agora, serían uns 10.000 menos. Ademais, en Xoán XXIII, quedaríanos outra actuación, que é tratar de levar o edificio onde se imparten agora os estudos de Maxisterio ao campus para mantelo integrado coa actual facultade de Ciencias da Educación. Iso permitiría liberar a parcela de Xoán XXIII e poñela en valor pola forma que fose máis axeitada. O que obtivésemos de aí poderiamos destinalo ao novo proxecto. O que non podemos é asumir nós esta actuación cos recursos que recibimos do Plan de Financiamento. Estamos recibindo unhas cuantías de pouco máis de dous millóns para a reparación, ampliación e mellora, entón non poderiamos facerlle fronte. Pero si poñeriamos a disposición estes recursos que se poidan xerar pola posta en valor desas fincas ou pola utilización, se liberamos metros noutros espazos, por outros servizos.

-Que cantidades manexan?

-A posta en valor de Xoán XXIII depende de que teñamos feito o novo proxecto e trasladalo, entón, esixe unha decisión previa, que é facer o novo. Tamén depende do mercado e do que vaia pasar. Estamos falando de anos desde agora ata que remate a liberación do proxecto. Estamos nun momento no que hai que negociar un novo Plan de Financiamento, penso que todos imos estar de acordo en que, á marxe dese Plan de Financiamento, vamos ter que definir un plan de infraestruturas para cada unha das universidades.

-Polo que dicía antes, canto poden aforrar coa redución de superficie?

-Temos unha estimación que os gastos de funcionamento ordinario por metro cadrado pode andar sobre os 50 euros anuais por metro cadrado, co que con esta actuación permitiríanos xerar uns aforros de entre 500.000 e 600.000 euros ao ano.

-A primeira actuación do cronograma sería iniciar a rehabilitación de Medicina en San Francisco.

-O primeiro que temos que facer para os edificios novos é redactar os proxectos, que é o que temos programado para o 2021. Ademais temos previstas actuacións que poden vir desa liña de eficiencia enerxética e de illamento térmico para a través dalgún plan poder canalizar algúns dos fondos para actuar sobre as envolventes e cerramentos da actual facultade de Medicina e outras actuacións para favorecer os espazos docentes, así como traballar cos proxectos para despois iniciar a construcción nova.

-A previsión para a parcela que quedaría libre en Xoán XXIII que sería, a venda?

-Pode ser vendela, ceder o uso, cedela para outras administraciones, según sexa o máis convinte chegado ese momento. Polo de agora, o que podemos dicir é que a nosa intención é poñela en valor chegado en momento.

-E cos espazos libres que queden en Medicina?

-Nós o que poñemos de manifesto, é que vai quedar dispoñibilidade para outros usos, e nese espazo se pode acoller outros servizos administrativos relacionados coa saúde, ou algún outro acordo con outras administracións.

-O proxecto de Cidade da Saúde ademais de en clave de docencia, tamén ten un impacto urbanístico.

-Si, é un proxecto máis transversal. Non é só construír un espazo docente e de investigación. O que ten que ver coa saúde é un elemento tractor importante en Santiago, porque ao lado diso temos tamén conexión coas empresas, unha bioincubadora tecnolóxica e un proxecto para biopolo para a Sionlla, para tratar de atraer empresas do ámbito biotecnolóxico. O proxecto enmárcase, polo tanto, dentro dunha aposta estratéxica da cidade, pero tamén conecta co desenvolvemento urbano dunha parte importante de Santiago, como é o campus sur, mellorando as condicións de habitabilidade e o uso. Queremos que se poida reducir o uso dos espazos do campus como aparcadoiro público e por iso lanzamos a idea de que na parcela que quede libre onde agora está a Facultade de Farmacia poida situarse un párking subterráneo para servizo da universidade, pero tamén para a cidade no seu conxunto, e suavizar o uso dos aparcamentos nas rúas, mellorar o tráfico peonil e mellorar a trama urbana da cidade.

-Alude á saúde como polo tractor.

-Coa a Cidade da Saúde queremos visibilizar que o ámbito da saúde é estratéxico en Santiago. Non temos un tecido empresarial enorme, pero si un ámbito de actividade relacionado coa saúde que abarca docencia, investigación moi potente que se pon de manifiesto nestes momentos de pandemia, hospitais e tamén con esta parte de transferencia de empresas. É un elemento tractor.

-Confían en que a Xunta manteña o apoio ao novo proxecto igual que o amosado á anterior proposta para unha nova Facultade de Medicina?

-O que demandamos á comunidade autónoma é que se poidan destinar eses fondos a este novo proxecto da Cidade da Saúde, que está absolutamente relacionado co anterior de Medicina, aínda que a solución concreta sexa diferente.

«O balance do inicio do curso é positivo. Demostrouse que os protocolos eran seguros»

As clases do primeiro cuatrimetre na Universidade remataron e a valoración que fai o reitor destes meses iniciais é positivo. Así, indica que nun 20 % de facultades foi posible a presencialidade total dos estudantes e, destaca que, na maioría dos centros, priorizaron a asistencia de estudantes do primeiro curso.

-Cal é o balance?

-O balance, desde o noso punto de vista e contrastado, é que dentro das dificultades, é moi positivo. Conseguimos con solucións distintas en cada centro en función das circunstancias tratar de aproveitar ao máximo a presencialidade. Tomáronse todas as medidas de seguridade que eran necesarias e iso posibilitou que puidésemos funcionar sen sobresaltos ao longo deste cuatrimestre. Non houbo que pechar nin facultades, nin aulas, e, polo tanto, demostrouse que os protocolos eran seguros. Tamén nas residencias, espazos especialmente sensibles, se funcionou con normalidade. Agora, rematada a actividade docente, quédanos unha parte importante, que é a avaliación, e vamos a confiar en que o escenario se manteña e poidamos facer probas presenciais, aínda que hai xa materias que teñen previstas non presenciais. Agardamos que o poidamos facer e que en xaneiro a situación non empeore.

-Pero, hai dispositivo previsto por se teñen que ser en liña?

-Facer as probas en liña ten algunhas dificultades. O que si temos é previsto nas programacións escenarios diferentes. No caso de que non poida haber probas presenciais, entón buscarémoslle unha solución sabendo que agora mesmo o desexable é que poidamos ter probas presenciais; sería o máis importante e o que nos permitiría poder rematar esta cuatrimestre da forma máis tranquila. Se temos que adaptarnos a outro escenario, farémolo.