A mostra do Museo Gaiás aborda a polifacética obra do intelectual
12 nov 2020 . Actualizado a las 16:25 h.Pintor, editor, escritor, ceramista, deseñador industrial, recuperador da memoria histórica, emprendedor empresarial, impulsor de iniciativas culturais... A exposición As miradas de Isaac, no Museo Gaiás, permite achegarse ao «universo cheo de creatividade» de Díaz Pardo a través máis de 260 pezas, que están distribuídas en dez seccións. Resumir ese prolífico labor e desbordante personalidade é complicado, pero ollando cinco desas pezas pódese atopar toda a súa esencia.
O autor
O autorretrato. «É unha das xoias da exposición. Amosa o Isaac que quere cambiar o mundo; ten moita forza». Así se refería Xosé Díaz ao debuxo do seu pai a lápis do ano 1490, cando tiña 19 ou 20 anos, e nun momento no que o caracteriza o compromiso coa democracia e o galeguismo. Este autorretrato foi atopado por outro dos fillos de Díaz Pardo, Camilo, no medio dunha carpeta hai un par de anos e nesta mostra é a primeira vez que se exhibe para o público.
Plástica
Un pintor «impresionante». No ano 1940, Díaz Pardo consegue unha beca e vai estudar Bellas Artes a Madrid, onde aprende o oficio de pintor. Alí, colle moita fama e vende toda a obra que facía. Un recoñecemento que leva ao director do Museo do Prado a ofrecerlle decorar as cúpulas do Val dos Caídos. Sen embargo, Isaac, que quedara marcado polo asasinato do seu pai a mans dos franquistas, rexeita esta proposta e no ano 47 decide abandonar Madrid. Precisamente, a súa repulsa á represión fascista quedou reflectida en Os afogados, un óleo no que, debido á censura, trocou os mortos na cuneta por afogados na praia, «aínda que tiñan un tiro na fronte». Esta peza destacada da súa traxectoria convive na mostra con outras como O discurso, A nave especial ou A Barca de Caronte.
Ceramista
Sargadelos como buque insignia. Despois de abandonar Madrid, Díaz Pardo refúxiase no Castro «é e aí empezáronlle as ganas de dedicarse á cerámica», explican os seus fillos e comisarios da mostra, Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro. Á súa primeira etapa como ceramista pertence a obra Saturno devorando aos seus fillos, na que aínda se deixa entrever a forte vocación pictórica. Na exposición aberta ata abril pódese apreciar a súa evolución, incluíndo tamén pezas modulares abstractas. Neste eido, Sargadelos ten gran presenza.
Deseñador
Desde mobles ata máquinas. A creatividade de Isaac Díaz Pardo amósase en diferentes eidos. Foi deseñador de mobles, pero tamén de maquinaria industrial -inventou un forno para cocer a porcelana que se emprega na fábrica de Sargadelos-, e incluso se introduciu no eido da arquitectura. Unha boa mostra desta faceta é a mesa e cadeiras antropomórficas, destinadas ás Galerías Sargadelos, nas que se evocaba o espírito do modernismo, do que bebera na súa infancia en na primeira xuventude a carón do seu pai.
Libros
Editor e recuperador da memoria histórica. Os libros foron outros dos intereses do intelectual compostelán, e desde diferentes eidos. Así, xunto a Seoane, impulsou o libro Galicia hoy, que foi publicado pola editorial antifranquista Ruedo Ibérico en 1966. Nel colaboraron destacados artistas e intelectuais e está considerado como o primeiro intento de denunciar o atraso e a opresión na que se atopaba Galicia. Non é a única peza destacada deste ámbito que se pode atopar na exposición. Así, dous cartafoles de xilografías de Seoane, Meco e El toro júbilo, foron as primeiras publicacións de Edicións do Castro, unha iniciativa do Laboratorio de Formas para o estudo e recuperación da memoria histórica de Galicia.