Prevén a finalización do edificio Fontán na primavera ao estar executado o 70 %

O conselleiro e os reitores incidiron en «profundar» na colaboración


Santiago / la voz

Na primavera. Esa é a data na que está prevista a finalización do edificio Fontán, que se converterá «nunha punta de lanza do sistema universitario galego». Nestes momentos, está executado o 70 % do proxecto, segundo explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, tras visitar os traballos desta edificación que pechará o complexo da Cidade da Cultura xunto aos reitores das tres universidades galegas -Antonio López (Santiago), Manuel Reigosa (Vigo) e Julio Abalde (A Coruña)-. Inicialmente, lembrou, estaba previsto que finalizasen ao final deste ano, pero a suspensión da actividade durante parte do confinamento, así como as dificultades no subministro de materiais, retrasaron os prazos.

As alusións á importancia da cooperación e a colaboración entre as tres universidades galegas foron constantes tanto na intervención do conselleiro como dos tres reitores. Rodríguez subliñou que esta infraestrutura «reforzará a colaboración xa existente ao concentrar os servizos que dan cobertura ás necesidades e requerimentos das tres institucións académicas», engadindo que «toca profundar na cooperación», unha cuestión «fundamental nestes momentos».

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, puxo o foco en que o edificio Fontán «introduce na Cidade da Cultura o espazo universitario». Ademais, sinalou que as universidades «poñeremos aquí un proxecto moi ilusionante, como é un centro interuniversitario para dedicalo ao patrimonio cultural no que van estar investigadores das tres institucións. Nel queremos abordar temas relevantes para o noso país, como a demografía, o medio rural, o patrimonio, a cultura, o turismo e o Camiño...».

Pola súa banda, o reitor de Vigo, Manuel Reigosa, explicou que «se no seu día Galicia apostou por espallar o coñecemento universitario entre toda a súa poboación facendo sete campus e tres universidades -dúas apostas axeitadas-, agora cabe afrontar unha nova etapa na cal afondemos na colaboración entre as institucións». Precisamente, o máximo responsable da Universidade da Coruña, Julio Abalde, engadiu a importancia da «unión de esforzos para ser máis fortes e competitivos», unha cuestión que aínda cobra maior importancia no contexto actual da pandemia pola covid.

A edificación acollerá os servizos transversais das tres universidades

O edificio Fontán, que conta cun orzamento de 14,7 millóns de euros, constituirá a sede dos servizos transversais das tres universidades galegas, como é o caso da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (Acsug) e o Consorcio Interuniversitario de Galicia (Cisug), no que se centralizarán os servizos bibliográficos, a organizacións das probas de acceso á educación superior e o desenvolvemento de programas informáticos que melloren a organización. Ademais, acollerá o Centro de Investigación sobre o Patrimonio Cultural (Cispac), primeiro centro universitario de investigación vinculado ás Ciencias Sociais e ás Humanidades, que ocupará 2.586 metros cadrados na quinta planta do edificio. Por último, tamén será a sede do Incipit, organismo dependente do CSIC.

Unha construción que é exemplo da «arquitectura do mañá»

O arquitecto do edificio Fontán, Andrés Perea, destacou que a construción é un exemplo «de lo que puede ser la arquitectura del mañana». Trátase, engadiu, dunha edificación «muy austera, que apuesta porque la calidad del proyecto arquitectónico esté en la construcción, entendida como un ejemplo de creatividad, invención y buen hacer, y para ello cuenta con la industria gallega». Os tres reitores valoraron positivamente o proxecto arquitectónico.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Prevén a finalización do edificio Fontán na primavera ao estar executado o 70 %