«Compañeiro ancestral Díaz Pardo»

DANIEL BERNARDO / i. c. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A escultura do artista e intelectual devólveo ás rúas de Compostela

13 ago 2020 . Actualizado a las 21:46 h.

Entre Valle-Inclán e Castelao. Ese é o lugar que, polo menos de momento, ocupará a escultura de Isaac Díaz Pardo, feita por César Lombera, na Alameda. O acto de inauguración comezou onte pasadas as doce da mañá. As autoridades locais que asistiron foron o alcalde, Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e tamén a voceira local do BNG, Goretti Sanmartín. O emotivo evento comezou coa lectura do poema «Compañeiro ancestral Díaz Pardo», que foi escrito polo dramaturgo, poeta e ensaísta Claudio Rodríguez Fer, grande amigo de Díaz Pardo. Rodríguez Fer quixo salientar «a loita constante de Isaac pola memoria histórica».

A continuación foi a quenda do seu fillo, Camilo Díaz, que destacou o feito de que «a estatua de meu pai está mirando cara o Obradoiro, cara un dos lugares onde máis actividade tivo como intelectual e no eido político». Ademais, salientou que Díaz Pardo «co devalar do tempo, converteuse na figura que máis loitou pola recuperación da memoria histórica galega».

A inauguración rematou cunhas palabras de Sánchez Bugallo. Describiu a Díaz Pardo como «unha das persoas máis sinxelas e extraordinarias que coñecín, e viceversa». Explicou que o ter coincidido con Díaz Pardo foi «toda unha experiencia». «Morreu con 92 anos, pero o seu espírito a pesar de ter 90 anos era sempre o dun mozo», continuou o alcalde. Rematou salientando que «con esta escultura, Isaac Díaz Pardo vive en todos nós de novo. Podemos admirar a unha persoa enormemente comprometida», e engadiu que o intelectual galeguista «sempre cría que todo era posible».

O perfil máis político: unha loita por Galicia e os seus intereses

Alén da traxectoria artística de Isaac Díaz Pardo, cómpre salientar o seu compromiso político con Galicia e coa recuperación da memoria histórica, un tema que lle afectou persoalmente, pois o seu pai, Camilo Díaz Baliño, foi fusilado polo bando sublevado durante a Guerra Civil. Con apenas quince anos xa estaba afiliado ás Xuventudes Socialistas Unificadas e posteriormente influíu de forma fundamental no pensamento doutros intelectuais da altura de Castelao. Tamén foi un dos impulsores da obra «Galicia hoy», publicada xunto a Luís Seoane como contrapunto ao libro «España hoy».

O seu fillo conta que «xunto a Castelao, participou nalgún dos eventos políticos que acabaron sendo vitais na historia de Galicia». De feito, algunhas das famosas láminas de Castelao contaron co apoio de Díaz Pardo. Sánchez Bugallo salienta que, no político, «foi un home que sempre tiña ideas. Moitas delas eran fantásticas. Outras, aos máis moderados, semellaban algo imposible».