Árbores autóctonas nun monte de Rois para reverter a pegada de carbono

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

SANTIAGO

MERCE ARES

Unha empresa financia a plantación de especies do país na comunidade de Costa

29 may 2020 . Actualizado a las 23:04 h.

A Comunidade de Montes de San Miguel de Costa, no concello de Rois, deu o primeiro paso para crear un «bosque dos de verdade, dos que xa non quedan en Galicia», segundo explica o presidente da entidade, Xiao Somoza. Para iso, o monte comunal foi seleccionado pola empresa Igalia de A Coruña, unha consultora de software libre, para un proxecto a cinco anos vista centrado na plantación de especies autóctonas como carballos, castiñeiros, bidueiros, cerdeiras silvestres e sobreiras. Trátase dunha iniciativa coa que a empresa quere contrarrestar a súa pegada de carbono xa que, polo seu carácter internacional, emprega moito o avión para os seus desprazamentos de traballo.

O traballo xa está feito e son, en total, case tres hectáreas de terreo replantadas e nas que antes medraban especies pirófitas como eucaliptos, acacias ou piñeiros. Deste modo, ademais de avanzar cara o bosque autóctono, a nova plantación serve, segundo conta Xiao Somoza, para «facer unha franxa de protección contra os lumes» en torno a núcleos da parroquia como O Casal e O Pazo, ata hai pouco rodeados de eucaliptos.

Esta historia comeza, precisamente, nestas aldeas cando, hai uns dez anos, varias familias de xente moza con fillos se foron a vivir aos dous núcleos, que funcionan como se fosen un solo, precisa o presidente dos comuneiros. No lugar quedaban, por entón, unhas cinco casas habitadas e, no entorno, medraban especies pirófitas como eucaliptos ou acacias.

Os novos veciños implicáronse na comunidade e entraron na directiva de montes, para tratar de legalizar a situación conforme a lei galega no tocante á franxa de protección dos núcleos, afirma Xiao Somoza.

Para iso, o primeiro foi buscar empresas para sacar o eucalipto e o resto de especies pirófitas, para o que contaron coa axuda do Distrito Forestal IV, unha vez que o monte está conveniado coa Xunta. Sacada a madeira, a comunidade estudou posibilidades para o monte e soubo da empresa de A Coruña que buscaba un terreo en Galicia no que promover o proxecto de plantación de especies autóctonas, co que tratar de reverter a súa pegada de carbono, e que inclúe o compromiso de non cortar ás árbores e de non sacarlle rendibilidade económica. Tiñan máis propostas, pero aceptou a da comunidade de Costa, que asegura que «estamos moi contentos» xa que a iniciativa lles permite «crear un bosque de protección e mellorar a habitabilidade» do lugar.

O proxecto inclúe a colocación de cámaras trampa para observar a fauna propia

Tras o compromiso da comunidade de non cortar nin sacarlle rendibilidade económica á plantación, do traballo de campo encargouse a empresa Galnus, de A Coruña, centrada en poñer en valor o monte galego para reducir o abandono rural e previr os incendios forestais. Fixo a plantación hai uns meses e no terreo medran uns 1.000 bidueiros; 500 carballos e 200 cerdeiras, entre outras especies. O proxecto financiado por Igalia inclúe, ademais, o compromiso de limpar e coidar o terreo durante cinco anos. Deste xeito, Galnus está agora anulando os rebrotes de eucalipto e outras especies pirófitas, algo no que tamén axudan os propios comuneiros, e de cara o 2021 fará unha nova plantación daqueles exemplares que non prenderon este ano.

Tamén incluíu a colocación de cámaras trampa para ver a fauna autóctona e dunha gravadora de frecuencia para estudar especies coma o morcego. Ademais, noutra zona do monte con carballos novos, por riba da aldea de Ferreiros, tras facer unha saca de eucaliptos, fíxose unha plantación de acivros e outras especies que medran á sombra, para «enriquecer ecoloxicamente o terreo», segundo o presidente da comunidade, que di que «en Galicia hai moitas árbores, pero poucos bosques dos de verdade». E Costa quere ter un.