Victoria Vázquez: «Salvouse a situación, pero a comunicación directa na aula é insubstituíble»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Moi crítica con Bolonia, a profesora de Lingua española na USC afirma que a reflexión metodolóxica «debe ser» unha constante no traballo docente

29 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Veu interna con dez anos para A Ensinanza e na universidade era a mellor da clase, afirmación que fai esta redactora con coñecemento de causa. Victoria Vázquez Rozas (Vigo, 1960), profesora titular de Lingua española na Facultade de Filoloxía da USC, indica que «se atinxiron» os obxectivos fundamentais na especial conxuntura académica derivada da covid-19. «A solución máis áxil, acaída e menos discriminatoria foi rendibilizar o máximo posible as aulas do campus virtual, un recurso ao que xa tiña acceso todo o alumnado sen excepción. Así tiveron á súa disposición o material necesario, os foros para resolución de dúbidas e máis un sistema de avaliación continua. Salvouse a situación, pero a comunicación directa na aula de clase é insubstituíble», explica a docente, que defende coller a man os apuntamentos porque «asentan» o coñecemento. «En todo caso, temos que valorar os resultados tendo en conta a situación excepcional en que se desenvolveu a aprendizaxe», engade.

Por outra parte, a filóloga non é optimista sobre un mellor futuro para as Humanidades: «Oxalá valorásemos máis o coñecemento humanístico e científico e os bens culturais, porque fariamos un mundo máis xusto e respectuoso cos demais seres humanos e coas outras especies. Desde logo, deixando luvas e máscaras tiradas polo chan non comezamos ben».

Sobre a presenza e relevancia das mulleres no seu ámbito, Vázquez recoñece que é «máis favorable» que nas áreas técnicas, pero matiza que o sesgo segue presente -brecha que se fai máis fonda nos elos máis altos-, porque está enraizado nas estruturas sociais máis básicas, coma a familia, interiorizándoo desde a infancia a través de todo tipo de elementos simbólicos, comezando pola lingua e o discurso», observa a lingüista. En referencia á Real Academia Española, sinala que mostra unha «composición patriarcal de moitas estruturas de poder públicas e privadas».

Entre tanto, sobre o plan Bolonia, di que a reforma consistiu nunha reconversión educativa motivada economicamente. «Parece que tiña intereses alleos á propia universidade, relacionada coas necesidades de man de obra das multinacionais e coa intención política de recortar o investimento público en educación. De feito, en España a reforma non só se fixo a custo cero, senón que se aproveitou para eliminar un ano dos estudos de licenciatura tranformándoos en graos, ao tempo que se abriron mestrados e posgraos cun custo económico moi superior para os estudantes», expresa con rotundidade.

Tamén pensa que se está a padecer unha burocratización esaxerada dos procesos docentes e investigadores: «A crecente industria do control de calidade precisa combustible e parece que somos nós os que temos que alimentala». Ao mesmo tempo defende que a reflexión metodolóxica «debe ser» unha constante no traballo docente.

Inquirida sobre as mudanzas entre a súa etapa de estudante en Mazarelos e os seus alumnos de agora, a profesora di que o que cambiou, sobre todo, foi a concepción da universidade, a partir precisamente da reforma de Bolonia. «Co sistema actual de docencia cuadrimestral e de avaliación continua pautado e cuantificado ata o menor detalle, perdemos capacidade e flexibilidade para fomentar a discusión crítica e o debate libre nas aulas. A nivel global, o que mudou, e moito, foi o mundo que lles tocou vivir, no que ultimamente hai que buscar debaixo das pedras os motivos para a esperanza». E vai máis alá sinalando a incerteza coa que os universitarios de hoxe teñen que lidiar na chamada modernidade líquida, que ela interpreta como a inestabilidade e individualismo que afectan a todas as ordes da vida actual e que forza ata o extremo a capacidade e o instinto humano da adaptación.

Toya, como é coñecida, tivo «a sorte» de pertencer a unha familia numerosa, de ter uns pais mestres, de pasar boa parte da súa infancia no val do Ulla. «Era un paraíso de liberdade que condiciona a miña percepción positiva da escola rural, onde maiores e pequenas compartiamos aula, conversación, xogos, e tamén conflitos. Formabamos parte dunha cadea de experiencia e coñecemento non só académico senón, sobre todo, vital. Tamén era o espello da desigualdade social», advirte desde a perspectiva dos anos.