Trátase dunha publicación do Concello, que tamén inclúe un mapa cun roteiro
16 may 2020 . Actualizado a las 04:55 h.A derrota do Scórpio. Un paseo por Santiago con Ricardo Carvalho Calero é o libro co que o Concello de Santiago lle rende unha homenaxe ao profesor, escritor e galeguista ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Son máis de oitenta páxinas, na que tamén se inclúe un roteiro, para amosar a relación de Carvalho Calero con Compostela, onde viviu entre 1926 e 1933 e entre 1965 e 1990, ano do seu falecemento.
O libro recolle textos, fotografías e documentos e está editado pola Concellería de Acción Cultural. Está previsto repartilo, en principio, nos centros socioculturais de Santiago, para que estea a disposición da cidadanía. A publicación entregarase nun sobre e incorpora un mapa, a xeito de roteiro, con sete paradas.
Durante a presentación, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou a «simbiose especial que sempre tivo Carvalho Calero con Compostela». Lembrou como na novela Scórpio narrou como era o Santiago republicano.