Manuel Lama: «A Filosofía do bacharelato ordinario aínda é excesivamente memorística»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O profesor do IES Rosalía de Castro preparou estudantes que gañaron as tres últimas olimpíadas galegas da materia

11 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Manuel Lama, docente de Filosofía no bacharelato internacional do IES Rosalía de Castro, «non hai nada máis importante e máis satisfactorio para un profesor que lograr que o conxunto do seu alumnado aprenda a filosofar e a gozar da filosofía. O outro, os premios, sendo importante, é absolutamente secundario. As Olimpíadas de Filosofía, fronte as cales moitos profesores tivemos no seu inicio bastantes reservas, demostraron ser un acerto para dinamizar e reivindicar o papel da Filosofía, aínda que isto non debería facer olvidar cal é o noso principal obxectivo. Un obxectivo que, cando se logra, produce máis satisfacción que calquera premio», destaca. A súa implicación tivo que ver con que estudantes do bacharelato internacional do centro gañasen as tres últimas edicións da Olimpíada Filosófica de Galicia. Este ano, Pablo González Rodríguez e Carolina Cunqueiro Rivadas conseguiron os dous primeiros postos e representarán a Galicia na final estatal, e a súa colega Eva Riveiro foi cuarta. Pablo tamén foi seleccionado para o concurso Modelo de Parlamento Europeo, que organiza a Fundación San Patricio.

«O tema da Olimpíada este ano é o poder do mito. A miña axuda consiste en que lles propoño liñas de investigación e de exploración, e recursos que poden manexar, ou perspectivas e bibliografía de apoio. Tamén se favorece que experimenten facendo no instituto disertacións semellantes ás da Olimpíada», esclarece.

Manuel Lama valora que estudar o bacharelato internacional é unha vantaxe para esta Olimpíada. «A diferenza do bacharelato Lomce, no internacional o alumnado continuamente reflexiona e argumenta sobre diferentes problemas filosóficos. As probas e traballos que se lles esixen son de disertación, non de memorizar; teñen que comprender e saber trasladar as ideas e o pensamento dos autores», afirma.

Así, explica, «no caso do mito deben responder a se é un asunto irracional e fóra de toda ciencia e de toda lóxica, ou se dentro do mito cabe tamén falar de racionalidade, ou mesmo se a racionalidade pode ser un mito; que vexan o que pode haber no mito de verdade e de afirmación carente de fundamento. Por iso, aínda que o tema da Olimpíada de Filosofía non entra directamente no currículo da disciplina, a maneira de traballar e a conexión co temario do bacharelato internacional favorece abordar ese asunto. E a Olimpíada de Filosofía é unha oportunidade para pensar filosoficamente cuestións importantes».

Lama lembra que no seu interese por estudar Filosofía influíu Ramón Area, o seu profesor da materia nun instituto de Ourense. Nas máis de tres décadas que pasaron «a maneira de entender a Filosofía no currículo cando eu estudaba BUP ou COU, e agora no bacharelato Lomce, é moi semellante. No primeiro curso o alumnado estuda unha visión panorámica dos problemas e das teorías filosóficas, unha especie de filosofía sistemática, onde hai demasiadas cousas. E en segundo continúa a historia da Filosofía, desde os presocráticos até o século XX. A Filosofía do bacharelato ordinario aínda é excesivamente memorística, orientada a ter noticia de moitas cousas e non a unha aprendizaxe que as permita entender ben».

Por iso reivindica o currículo do bacharelato internacional «por estar pensado con perspectiva diferente. O currículo do bacharelato ordinario, por un exceso de información, de autores, non fai que o alumnado pense por si mesmo lendo, investigando, argumentando, debatendo ou facendo disertacións. A vantaxe do bacharelato internacional é que o alumnado ten moito interese e o currículo está moito mellor pensado para aprender Filosofía que o do bacharelato ordinario da Lomce», reitera Lama.