A Banda da Loba: «Parece que as bandas de mulleres temos que demostrar máis»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Pixelin Photo

A formación presenta o próximo día 18 o seu segundo disco na Capitol coa colaboración doutros grupos

09 ene 2020 . Actualizado a las 04:55 h.

Día 18 • 21.30 horas • Sala Capitol • Desde 6 euros • Ofreceron un pequeno adianto no Culturgal, pero a auténtica posta de largo do segundo disco da Banda da Loba, Fábrica de luz, chega a partir do día 12, co inicio da xira en Redondela, cun segundo concerto o vindeiro sábado 18 na casa, en Santiago. Unha actuación sempre especial, explica Xiana Lastra, a voz do quinteto do que tamén forman parte Andrea Porto Mato (baixo), Estela Rodríguez Carvalho (violín), Inés Mirás Vieites (guitarras) e Marcela Porto Mato (batería e percusións).

—«Fábrica de luz» é o disco da reválida despois da boa acollida de «Bailando as rúas»?

—Si, é un pouco o medo que tiñamos. Despois de que che vaia ben co primeiro traballo, ter tantos concertos e tan boa acollida, buscas xa non medrar, senón manter. Ese é o obxectivo. Quedamos moi contentas co resultado do cedé, gústannos moito as cancións e as reaccións da xente que as escoitaron son positivas. Agora, xa temos moitas ganas de probar o directo porque pensamos que pode ser moi potente. Temos ganas de comezar a xira e, por outro lado, collendo folgos porque é bastante intensa porque en dous meses imos pisar moitos escenarios.

—Unha decena xa só en xaneiro e febreiro, agardaban esta resposta?

—Xa temos algo pechado despois, para marzo, maio e para o verán. Esta xira inicial é un pouco unha combinación de dúas cousas. Por unha banda, intentar ir as salas emblemáticas de Galicia e pisar as catro provincias. E, por outro lado, o que contamos nesta xira, que é diferente do anterior, é co apoio de certos concellos, que nos abriron as súas portas e que nos dixeron que querían que foramos presentar o noso disco.

—«Fábrica de luz» está artellado en torno ao concepto «nai».

—Cando estabamos compoñendo, démonos conta que todo se vencellaba moi ben baixo ese paraugas. É a idea de nai pero nun sentido amplo. Nai como creación, como identidade, como moitas cousas que nos representan a nós como grupo. Neste disco metemos algunha canción sobre ecoloxismo, sobre a lingua e a identidade, que xa había algo no anterior, pero neste facemos como máis fincapé... Fomos artellando todo baixo ese prisma de nai, partindo desas primeiras nais que son a lingua, a terra, iso que nos identifica; e seguindo por todas aquelas escritoras e artistas nas que nos inspiramos e que nos abriron moito as portas para poder facer o que hoxe facemos, como temas inspirados na obra de Xela Arias, de Celia Parra, de Andrea Nunes, de Rosalía de Castro...; e, por último, as nosas nais e de todas as persoas que escoitan os cedés, que son as que nos coidan, as que loitan por nós...

—Hai moitas diferenzas con «Bailando as rúas»? O público que vaia ao concerto vaise atopar unha Banda da Loba moi distinta?

—Hai similitudes e hai diferenzas. As similitudes veñen dadas, outra vez, pola heteroxeneidade das cancións, seguimos sen vencellarnos a ningún estilo en concreto. De feito, creo que neste disco se acentúa moito máis isto, aínda hai moita máis diferenza estilisticamente entre unhas cancións e outras. Ademais, as letras seguen sendo poemas, seguen sendo letras profundas, metafóricas, ás que non se chega nun primeiro impulso, pero vestidas con música pegadiza, como no outro disco. En canto as diferenzas, penso que hai un paso en madurez como grupo, seguimos conservando a mesma sonoridade pero si que se nota que somos máis banda, que estamos acostumadas a tocar xuntas, e iso, percíbese. Tamén fixemos algún cambio a nivel instrumental porque abandonamos a guitarra española e metemos a acústica e eléctrica, entón, tamén soa distinto. Ao mesmo tempo, segue soando á Banda da Loba. Iso é o que intentamos que, aínda que fagamos moitas cancións e estilos diferentes, que todo soe á Banda da Loba.

—En Santiago, anuncian colaboracións no concerto.

—Vai estar un cuarteto de corda, contando con Estela, a nosa violinista. Son Magui, Alba e María. Tamén estará Xacobe Varela, cantante de Os de Abaixo, e Celia Parra.

—É tocar na casa, iso confírelle unha singularidade especial?

—Si, é especial polo que supón de tocar na casa, arroupadas pola xente coa que compartimos o día a día, e nun sitio como a Capitol, que nos dá bastante respecto. Da outra vez, tamén tocamos na Capitol, pero fixémolo nun formato máis pequeno. Agora imos a un formato grande e animamos a todo o mundo que vaia para enchela.

—Aínda que as bandas formadas todo por mulleres son cada vez máis frecuentes, notan que sorprende aínda?

—O máis claro está en que cando se fala de nós é o que máis se destaca. Entón, non é algo que estea normalizado. Normalmente, cando falas dun grupo de homes, non dis «o grupo formado por cinco homes». En cambio, no noso caso, é algo que se destaca sempre. Ao mesmo tempo, pensamos que é positivo que se destaque porque é poñer un pouco a lupa porque segue sendo algo que non é habitual.

—Notan diferenzas co resto de bandas masculinas ao longo destes máis de dous anos de traxectoria?

—A diferenza principal creo que, aínda que non se diga en voz alta, é que se segue tendo como estigma de que as bandas femininas son de menor calidade que as masculinas, parece que tes que demostrar moito máis. Cando empezamos a tocar, algo que nos comentaban moitas veces era iso de que tocabamos moi ben. Temos un nivel de esixencia moito maior e, ao mellor, si que se nos pechaba un pouco as portas de grandes espazos. Tamén é certo que nos abren moitas outras porque creo que, como sociedade, cada vez estamos máis concienciados do problema que temos a nivel de igualdade.