Rosa Segade: «Hai un rexurdir de recuperar as tradicións, as nosas raíces»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

«Dedícome a facer traxes tradicionais, iso é a esencia da miña tenda», de Cotío

07 oct 2019 . Actualizado a las 09:58 h.

Aló, no alto das Casas Novas, mestúranse todas as Compostelas posibles. A das tabernas e as cuncas de viño. A da Administración autonómica. A dos casais que aínda permiten á cativada enredar polas corredoiras. E tamén a Compostela cosmopolita na que se escoitan un cento de linguas a cotío. Pola costa arriba, envolta dun azul intenso, saudando á veciñanza, chega Rosa Segade nun día gris picheleiro. Cando a súa infancia comezaba a esfarelarse nas súas mans, deixou o San Pedro que a viu nacer «porta con porta cos irmáns Méndez» para mudarse a un barrio que aínda hoxe lle dá acubillo. «Sigo considerándome de San Pedro en parte, pero a miña vida fíxose aquí, un barrio marabilloso».

Non hai mellor vista da Catedral, e poucos recunchos de Compostela permiten estar dentro e fóra do casco urbano ao mesmo tempo. Alí estaba a señora Maruxa, dona dun deses locais que é un pouco de todo. Alí se tomaban os viños e se mercaba a fariña. Unha tenda das de antes. «Estabamos na rúa ata as doce da noite. Non había teléfono, non había xogos informáticos, non estabas diante da tele. Aí forxei as amizades que conservo hoxe. E ademais, a maioría da miña xente seguen vivindo no barrio. De feito, moitos de nós rematamos casados ou emparellados». Como Rosa. O seu sogro foi Mallou, o gaiteiro das Casas Novas. A música sempre formou parte da súa vida. Dúas das súas irmás forman parte de Leilía, aínda que ela pensa que «familias grandes, festa e música sempre van xuntos».

No bar Santiago hoxe está o faladoiro animado. O mozo que atende ofrece pan con xamón. «Dedícome a facer traxes tradicionais, esa é a esencia da miña tenda», aínda que tamén ten unha parte dedicada á artesanía. «Empezamos a crear unha sección na que vendemos un pouco de todo, no 90 % de aquí e na medida do posible artesán, que durante uns anos estivo complicado».

Agora, semella que a xente comeza a valorar de novo a manufactura. E está disposta a investir nela. «Artesanía e barato non é compatible, porque leva unhas horas de traballo». Pagar un pouco máis tamén significa xerar emprego aquí. E economía sostible. Así que alí, no alto da rúa Xelmírez, tamén se mesturan todas as Compostelas posibles.

Rosa chegou ao número 26 case por casualidade. Traballaba nunha tenda de decoración no Ensanche. «A través da miña irmá Felisa coñecín a Montse, outra das rapazas de Leilía, que era clienta do que daquela era A Mouga. Ofrecéronlle a posibilidade do traspaso». Eran mediados dos 90 e Rosa xa levaba un tempo pensado en emprender o voo. «Montse dicía que ela entendía de traxes pero non de comercio. E alí me embarquei sen ter idea de traxes. Eu estaba metida no mundo tradicional, pero non a ese nivel».

Rosa Segade, que colabora en Brincadeira, cre que estamos asistindo tamén á valoración da tradición. «Hai un rexurdir de recuperar as tradicións, de investigar cada vez máis e recuperar as nosas raíces».

As agrupacións culturais son un dos grandes clientes de de Cotío, aínda que os anos da crise foron duros, tamén para elas. Apenas houbo axudas e moitas veces os concellos facían grandes investimentos en concertos «pero pretendían que os grupos de gaitas tocaran gratis». Aínda que «ten que haber de todo, porque a cultura é cultura en calquera caso», para poder investir en traxes, en instrumentos, nas clases para nenos... hai que ter un peto e os cartos teñen que saír de algures.

Na clientela de Rosa Segade tamén hai persoas individuais. «Isto é moi vicioso», di cun sorriso. Un ano unha saia, ao seguinte un xubón, un dengue, un corpiño, un colar, unha camisa... «Hai un tímido rexurdir, pero para chegar ao nivel de Valencia, por exemplo, queda moito», afirma. «Alí, en calquera acto oficial vai a falleira».