Contraproducións e o CDG estrean mañá en Santiago unha comedia negra con Patricia Vázquez e Rebeca Montero
27 feb 2019 . Actualizado a las 04:55 h.Mañá, venres e sábado (20.30 horas), e domingo (18.00 horas) • Salón Teatro • 10 euros (5 euros o domingo) • O Salón Teatro transfórmase de mañá ata o domingo nun apartamento compartido no corazón do rural de Iowa onde convivirán Sharon, unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, e Robyn, unha muller chegada do Bronx de Nova York que non podía ser máis diferente a ela: lesbiana, vegana... Trátase de A compañeira de piso, unha comedia negra coproducida por Contraproducións e o Centro Dramático Galego que se estrea mañá e que supón a primeira adaptación fóra dos escenarios norteamericanos da peza escrita por Jen Silverman.
«Levo 29 anos traballando de actriz e nunca tivera unha personaxe desta forza, unha muller que non depende de ninguén. Non son a nai de, a filla de, a moza de...», destacou Patricia Vázquez, que se mete na pel de Sharon. Un aspecto no que tamén incide Rebeca Montero, que interpretará a Robyn: «As protagonistas son mulleres por si mesmas e, ademais, en comedia, que parece que está reservada para os homes». Ambas tamén salientaron que a peza teatral reflicte «o que pasa realmente na vida» e o público pódese identificar coas protagonistas porque «coñecen a xente que é coma elas».
A compañeira de piso está codirixida por Belén Pichel e Cándido Pazó e conta con música orixinal do guitarrista e compositor Guillerme Fernández. «A que descubriu este texto foi a produtora Lilian Portela e, despois de lelo, todos quedamos namorados», asegurou Pichel.
A directora do CDG, Fefa Noia, destacou a oportunidade que representa esta peza en canto á tradución ao galego de obras contemporáneas. Tamén incidiu no interese crecente por participar en coproducións coa compañía pública. Pola súa parte, o director da Agadic, Jacobo Sutil, desexou un longo percorrido a esta peza.