García Lorca recita, en galego, en Torrejón

En xuño de 1936 o poeta sorprendeu en Madrid con novos poemas


Foi o derradeiro acto de amor do poeta pola nosa cultura e lingua. Pouco divulgado polos lorcólogos, pero fundamental para entender a enorme empatía que con Galicia iniciara vinte anos atrás, en 1916, coa súa primeira visita á nosa terra.

Sucedeu en xuño de 1936. Apenas dous meses antes de ser asasinado pola barbarie fascista. Federico García Lorca viña de xantar na Hostería del Estudiante de Alcalá de Henares. Viaxaba en coche con Daniel Tapia e o editor José Ruiz-Castillo. Escoitemos as palabras que precisamente unha das testemuñas, Ruiz-Castillo, publicaba en 1972 nas súas memorias (tituladas El apasionante mundo del libro). Di así: «A media tarde iniciamos el regreso a Madrid; pero Federico, encantado de su estusiasta auditorio, me hizo parar el auto a la altura de Torrejón. Nos invitó a sentarnos en la cuneta, recubierta todavía de primaverales florecillas silvestres. El pretexto para esta propina del regalo de su compañía fue el deseo de recitarnos algunas de sus poesías; pero no en castellano, sino los seis poemas galegos».

Este recital improvisado en Torrejón de Ardoz constituíu, como dixemos, o último capítulo en vida dese «Lorca Poeta Galego», pois así o definira xa, no outono de 1932, o escritor lugués Ánxel Fole.

Hai algo máis dunha semana impulsamos a celebración do 25 de outubro como Día de García Lorca en Galicia, coa idea de que se espalle ?por escolas, familias e rúas? o seu cantar, ese espírito que, dende Andalucía, tornouse tamén galego.

Naquel recital de xuño de 1936, Lorca acababa de recibir os exemplares do seu novo libro, editado en Compostela por Ánxel Casal, saído do prelo de Edicións Nós, no número 15 da Rúa do Vilar.

Dos Seis poemas galegos, segundo testemuño de Eduardo Blanco Amor (autor do Limiar), só se fixo unha pequena tiraxe de apenas 200 exemplares. No Ex-libris aparece como data de saída do prelo o 27 de Nadal de 1935. Daqueles 200 exemplares, poucos quedaron, pois a Editorial Nós foi queimada e saqueada en agosto do 36. Nós tivemos a sorte de ter un deles entre as mans o pasado luns 22, na Fundación Barrié, o exemplar pertencente á biblioteca do escritor Carlos Martínez-Barbeito.

Escollemos unha fotografía moi singular para ilustrar esta fotohistoria. A única, pensamos, na que aparecen xuntos García Lorca e Valle-Inclán. Tomada en Madrid o 28 de decembro de 1934, no ensaio xeral da obra Yerma no Teatro Español. (Publicada aquí pola editorial Ouvirmos).

Entre os dous enormes dramaturgos, Pura Maórtua de Ucelay. Ela era directora da compañía teatral Anfistora, pero tamén nai de Margarita Ucelay, quen sería precisamente a primeira muller de Ernesto Guerra da Cal, o ferrolán que axudou a Lorca cos poemas galegos. Segundo testemuño de Guerra da Cal ao filólogo e investigador coruñés Luís Pérez, foi Federico quen os presentou.

Por outra banda, e curiosamente, unha irmá de Margarita, Matilde Ucelay -primeira muller arquitecta de España-, casaría co editor que nos trouxo a estas liñas o testemuño do recital galego de Lorca, José Ruiz-Castillo Basala. En fin. Así se tecen as relacións persoais que logo cimentan grandes momentos para a nosa historia. Viva Lorca! Viva Lorca, Poeta Galego!.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

García Lorca recita, en galego, en Torrejón