Lorca, Mariscal e Montero Ríos, no Obradoiro

Quique Alvarellos

SANTIAGO

A escultura do político non gustou nada ao futuro poea granadino

25 feb 2018 . Actualizado a las 09:34 h.

A primeira vez que Federico García Lorca pisou o Obradoiro foi o 26 de outubro de 1916. Tiña 18 anos, cursaba primeiro de Letras e Dereito na Universidade de Granada, e viña de viaxe de estudos co seu mestre Berrueta e catro alumnos máis, un deles, Luis Mariscal Parado. No medio da praza topáronse cunha polémica escultura que levaba en pé uns tres meses, pois fora inaugurada precisamente o 30 de xullo dese mesmo ano. Obra do artista valenciano Mariano Benlliure, representaba ao xurista e político compostelán Eugenio Montero Ríos, quen fora «todo» no Santiago e na España da Restauración, a do último terzo do XIX mais tamén na España de inicios do XX (Montero Ríos chegaría a presidente do Goberno en 1905). O coñecido como «Cuco de Lourizán» morrera en 1914, dous anos antes da colocación do monumento. A imaxe que traemos hoxe á nosa crónica é a do día da inauguración da escultura, dese 30 de xullo de 1916. O fotógrafo Luis Ksado e a publicación que a difundiu no seu día, tamén unha vez máis Vida Gallega (no seu número 74 de setembro de 1916). Ksado-Vida Gallega dános imaxes únicas da nosa historia.

Resulta que a decisión de erguer, no medio dunha das prazas máis fermosas (e expeditas) do mundo, un monumento (un atranco estético), na honra dun político, por moi todopoderosa que tivera sido a súa figura, non xerou, nin moito menos, consensos. O propio clero posicionouse en contra: Un liberal ollando en fite as torres da Catedral? Non podía ser. Pero había, á parte, outros moitos motivos, artísticos e históricos, para cuestionar tal ubicación.

Foi tal o rexeitamento que produciu nos estudantes granadinos que Federico García Lorca chegaría a chamarlle «salivazo odioso» á obra de Benlliure. Escribirá no seu primeiro libro Impresiones y paisajes (do que se conmemoran, en abril, cen anos): «¡Qué salivazo tan odioso a la maravilla churrigueresca de la portada del Obradoiro y al hospital grandioso! (...) Esta monomanía caciquil de derribar las cosas viejas para levantar en su lugar monumentos dirigidos por Benlliuse o Lampérez!».