Entroido


Ten graza. Agora que todo o gravamos, agora que cada particular leva unha cámara no seu móbil, resulta que en realidade ninguén sabe que dixo o humorista encargado do pregón do entroido. Nestes tempos dominados pola máis alta tecnoloxía volvemos á vella tradición oral, ás historias que viaxan na fala da xente. Levamos un intelixente iPhone no peto, último modelo, pero séguennos atraendo os vellos xograres. Gústanos regresar ao pasado. Quizais por iso facemos feiras medievais nos centros históricos, con cetrería, cochiños asados ao espeto e xogos para nenos. E por iso, se cadra, montamos unha marabillosa fábula, construída co din que dixo, e segundo a cal, un trobador protagonizou unha actuación indecente e groseira. Non puidemos ler nin unha soa frase literal, nin ver imaxes. Así que para poder crer no ocorrido temos que recorrer á fe. Quen a profesa non tivo problema en asumir os feitos, e denuncialos; quen renega dela, claro, é máis escéptico. Nesta viaxe ao pasado, aos séculos escuros, non faltou a lapidación na praza do pobo. Non nos gustan os herexes nin os apóstatas. Así que imos linchalos inmisericordemente.

Talvez o ocorrido no pregón, para algúns, non fose máis que unha mostra de mal gusto, de moi mal gusto, pero nin sequera iso puidemos contrastar. Talvez sacáronse unhas frases fóra de contexto nunha contorna festiva, quen sabe. O caso é que o sucedido nos días posteriores serviu para prolongar a festa uns días máis e para que sigamos co traxe posto. O disfrace das eleccións municipais.

Así que temos Entroido en Santiago ata maio do 2019.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Entroido