Nosoutras

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

SANTIAGO

Nosoutras. Que somos a metade do todo. Que estamos fartas de toda esta nada. Nosoutras. Que imos desaparecendo aos poucos. Mantendo ese contador en marcha. Nosoutras. Que temos dereito a ser libres. Que xa nos enchemos de ser silenciadas. Nosoutras. Que non queremos máis loitos. Nin despedir a outra. Nin indignarnos na rúa. Nin chorala nas casas. Nosoutras. Que tamén somos científicas. Que escribimos poesía. Que metemos goles. Que facemos cine. Que construímos edificios. E que manexamos maquinaria pesada. Nosoutras. Con medo a ser un número. Mirando cara a atrás cando chegas tarde. Cando camiñas de noite. Aterrada. Nosoutras. Que cobramos menos polo mesmo traballo. Que temos ideas. Que moitas veces son ignoradas. Nosoutras. Ás que nos explican cousas. Porque por moito que sexas matemática, eu que sei, nena, a conta igual está trabucada. Nosoutras. Ás que nos berran cousas. Ás que nos fan xestos e mellor non queixarse. Que é un afago. Que non sexas así. Que pareces unha perturbada. Nosoutras. Ás que nos espían a vida despois de teren sido violadas. Nosoutras. Ás que nunca nos cren cando contamos o que nos pasa. Porque somos histéricas. Porque sempre tan esaxeradas. Nosoutras. As que non ascendemos profesionalmente. Porque total seguro que queres quedar embarazada. Nosoutras. Anacos de carne pendurados nos cartaces das paradas. Nosoutras. Avergoñándonos do noso corpo porque nos din que só delgadas. Nosoutras. Que non morremos. Que nos matan. Nosoutras. Que estamos cansas. Que berramos na rúa que irmá, estamos aquí. Crémoste. Nosoutras. Que somos a túa manada.