Foron moitas, moi seguidas. Se houbera que escoller unha, a puñada que máis doeu de todas foi no 2006. Daquela, entre despedidas, entre lembranzas, entre saudades do que foi, do que xa non ía ser, íanse baleirando os andeis. Alá ía máis dun século de vida. Alá ían 137 anos, que se di rápido, 137 anos de papel. Con ese peche decatámonos. Si. Os libros en Santiago comezaban a arder. Detrás de Galí foi a do Toural. Ía facer cen anos. Non chegou. A crise non perdoa. Nin a idade nin as ganas de aprender. Pechaba as súas portas outra. Como Encontros. Que se lle va facer. Encontros foi das últimas. O seu dono laiábase. Nin os universitarios son xa amigos de ler. Foron moitas, moi seguidas. Ardían as puñadas. Pechabamos os ollos agardando a que deixasen de doer. Cada vez menos acubillos. Cada vez menos libros nos andeis. Cada vez menos lecturas. Cada vez menos esperanzas de que as librarías sobrevivisen. De que os libros deixasen de arder. Aínda así, aínda coa lista cada vez máis longa. Aínda ameazadas pola chegada dos xigantes de Internet. Aínda que cada vez máis móbil e menos edición de peto, así e todo, resistíanse a morrer. E aí estaban, rebeldes, Couceiro e Follas Novas. Pedreira, Vetusta, Fonseca e Novaniké. Pasou o trebón e a dor comezou a esmorecer. Chegaron os reforzos, a afouteza dos que sen medo volvían arriscarse. Volvían vender papel. E abría na Travesa Lila de Lilith. En Alfredo Brañas, Cronopios. Na Rúa de San Pedro, Chan de Pólvora. E hoxe, en Xeneral Pardiñas, a Casa do Libro. Máis acubillos onde botarnos a ler. E oxalá que algunha faga 137 anos. E moitos, moitos máis. Más librarías, a poder ser.