Xa non lembro o título. Había unha protagonista. Unha muller nova. Creo que tiña o cabelo rubio. Pero xa non lembro. Non lembro nin como nin por que, nin se tiña algunha relevancia que chegase ata alí. Que fitase ao infinito asomada a esa fiestra. Só lembro a sensación. Unha mestura de sorpresa e confusión. Vela andar por entre as cadeiras de tapiz verde. Mirar como fita á nada asomada a esa fiestra na que eu tantas veces mirei para a nada. Que o pelo -si, creo que era rubia- escintile baixo a luz desa impresionante lámpada. E as madeiras, e os dourados, e os andeis, e os libros, son os mesmos que eu miro, que toco, que leo, que repousan comigo nas tardes de silencio mentres ceibo os pensamentos un cacho. Que xa está ben de telos sempre atados. E van onde queren. E andan por riba das mesas, e saltan por entre os libros. Ás veces están a piques de chocar con algún estudante e outras berran, pero ninguén os oe. E soben e baixan as escaleiras ata que cansos volven amodiño á cabeza. Xa non lembro o título, nin o argumento, nin á protagonista. Só lembro a sensación. Esa mestura de sorpresa e confusión cando de súpeto, pola pantalla dunha televisión calquera acendida a non sei que hora nun día eslamiado apareceu aquela rapaza camiñando pola biblioteca de Historia. ¿Era? E tiña que ser, porque filmaran as cousas que son dela. Era e á vez, non era. Era só a pelica da miña biblioteca. De súpeto, volveuse allea. Unha sala de lectura dunha universidade calquera nunha cidade calquera. Para a película, tanto tiña. Podía estar baleira. Non lles importaba. Nin nomeaban Compostela. Pero a min doeume. Sentila tan estraña. A miña biblioteca.