Nas pantagruélicas comidas campestres das aldeas galas, Obélix cargaba cun xabaril aos ombreiros, e logo devorábao. Así familiariceime eu con este animal, no fascinante mundo da ficción, a través dos cómics da infancia. Hai xa tempo que o xabaril saíu dos contos para penetrar nas cidades. En Francia, sete anos atrás, desatouse unha polémica por unha campaña publicitaria de Mcdonalds, na que os soados personaxes galos, Astérix e Obélix, cambiaban o animal por un Big Mac, o que amolou aos puristas do cómic, coma se alguén profanase unha tumba.
Aquel anuncio foi realmente premonitorio do que viría despois. Moitas cidades europeas teñen serios problemas cos xabarís. Mesmo en algunhas, como é o caso de Berlín, organízanse batidas. Hai zonas nas que están tan familiarizados coa contorna urbana que nin sequera fan ademán de escapar ante a presenza dos humanos. Ocorreu fai ben pouco no municipio coruñés de Cambre, cando un veciño achegouse a gravalos.
Tal vez por iso estes animais crucen a estrada de forma tan ordenada, en ringleira, con eses cochiños bravos portándose tan ben, coma se fosen un grupo de nenos e nenas nun paso de peóns ao saír da gardería camiño do parque no tempo de lecer.
Alguén os avistou así durante a noite do mércores no campus sur. E as fotografías circularon de xeito vertixinoso, case coa mesma rapidez á que se reproduce esta especie. Non sabemos exactamente que ían buscar os xabarís na contorna das facultades. Se o que querían era matricularse, e ter tamén o seu título universitario, entón estamos apañados.