«O reto é que se entenda o texto sen ser un espectáculo acabado»

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A SGAE acolle unha lectura dramatizada da peza teatral «Casa O?Rei», na que participarán seis actores

13 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

21 horas • Fundación SGAE • Gratis • A Fundación SGAE e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia organizan a primera das lecturas dramatizas previstas este mes. Nesta ocasión, interpretarase Casa O’ Rei, obra de Santiago Cortegoso, que dirixirá aos actores Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García, Artur Trillo e Xosé Manuel Esperante.

-¿Cal é o principal reto dunha lectura dramatizada, porque nin hai decorado nin vestiario?

-É moi complicado. É un reto en si mesmo que se entenda o texto ben, que chegue ben ao espectador sen eses elementos, sen contar co espectáculo acabado. Ademais, hai unha preparación curta, porque non hai tempo real para ensaios nin para preparar ben as personaxes. Hai que engadirlle que este texto ten moita acción, moito movemento; son seis personaxes que deberían cociñar, estar na mesa comendo. Entón, temos que resolvelo con fórmulas sinxelas para intentar que se entenda a historia que se está contando, pero sen ler as acotacións, que é algo que a min no me gusta e non vou a facer, porque sería unha lectura pura e dura e non tería nada de dramatizada. Entón, nese punto intermedio entre unha semimontaxe e unha lectura, é onde nos imos mover para que o espectador se divirta e entenda ben esta historia.

-¿Que atractivo teñen estas lecturas?

-É unha forma de achegar o texto de forma sinxela, sen ser tan elaborada. Estas lecturas son para promocionar os textos, porque a edición de teatro é moi limitada e complicada, non só en Galicia, senón en toda España. Con estas lecturas, os espectadores poderíanse imaxinar como sería a montaxe se algún día se chega a facer. Nese sentido, o elenco é moi bo, son actores moi bos todos, e iso tamén é un atractivo: como eses actores, aínda que estean lendo, dan unha idea do personaxe.

-¿De que trata «Casa O’ Rei»?

-É unha versión do Rei Lear, de Shakespeare. Eu diría que máis que unha versión, é un xogo a partir dese texto, pero ambientado nunha casa de comidas tradicional galega. Entón, a posta en escena que se propón é todo arredor dunha mesa. O rei reúne a súa familia, as súas fillas, para repartir a súa herdanza, porque está enfermo e ve a morte cerca. Entón, o conflito desenvólvese todo a partir de a quen lle queda o restaurante arredor dunha mesa. Imos intentar que quede vistoso, unha cousa bonita de ver, que non sexa unicamente que os actores se senten lendo. Vai haber algo de acción e posta en escena; sinxela, pero si que algo imos facer.

-¿Quedan moitos textos teatrais que sen poñer en escena nin publicarse?

-Moitísimos, demasiados. Incluso textos premiados, que se publican, pero que nunca se escenifican.