Aulas

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

SANTIAGO

14 may 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

De agora en diante, seis aulas do IES Xulián Magariños de Negreira van lucir nomes de catro fillos da comarca barcalesa e de dous creadores da plástica galega contemporánea. O trobador Afonso Eanes do Cotón (ss. XII-XIII), o mestre Avelino Pousa Antelo (1914-2012), o filólogo Xosé Luís Pensado Tomé (1924-2000) e o poeta Xosé Manuel López Gómez, Ardeiro (1944-2007) son os personaxes locais homenaxeados por esta comunidade escolar. E con eles o polifacético compostelán Isaac Díaz Pardo (1920-2012) e a viveirense surrealista, Maruxa Mallo (1909-1995). Disque se elixiron persoas xa falecidas para tal distinción. Son todos os que están, pero no futuro, e cun mesmo criterio de honra, habería que procurar novos espazos docentes, engadindo máis nomes do alén, das letras, ciencias, artes e intelecto locais. Velaquí unha nómina incompleta: o cooperativista Xesús García Calvo, o filósofo Xosé Manteiga Pedrares, os polígrafos Pedro Rodríguez, Víctor García Ferreiro, Salvador García-Bodaño Fernández, Eleuterio Luaña, José Reino Caamaño, Daniel García Ramos, Javier Guzmán; o debuxante Xosé Mª. Pérez Forxán... Legáronnos obra édita e inédita, en eidos e calidades disímiles. Tamén compre recordalos.

A media ducia de persoas escollidas nesta loanza vense acompañadas no Instituto negreirés por figuras merecentes do 17 de maio. E quizais os escritores Xulián Magariños (1904-1934) e Manuel María (1929-2004) farán unha choscada cómplice, aprobando esta iniciativa cum laude, que avivece a memoria da mocidade estudante e da veciñanza.