Churrascadas

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

SANTIAGO

18 mar 2016 . Actualizado a las 18:51 h.

Abundan nas parroquias rurais festas gastronómicas que xuntan a veciñanza, con nocturnidade e sen aleivosía. Nestas ceas, xunto ós vasos colmados para as bebidas varias, café e chupitos, adoitan servirse nos pratos empanada, tortilla, o imprescindible churrasco con crioulos e rosca, nas larpeiradas da sobremesa. Se hai posibles, a pitanza amenízase cun grupo musical, dando paso ós cantos e bailas.

Decote, tales celebracións partíllanse nos locais sociais, mellorados nos últimos anos. Por desgraza, tamén se teñen sufrido neles eivas de roubos e vandalismo. É curioso: moitos destes recintos proceden da reconversión dos antigos Teleclubs, erguidos na xeira do desenvolvementismo franquista, daquela rede cultural da ditadura que construía inmobles nas aldeas ó servizo dun aparello TV. Casas enteiras para chantarlle televisores á poboación rural. E que tanto se aproveitaron os Teleclubs.

Son de aplaudir iniciativas así, porque dinamizan e xeran irmandade en non poucos hábitats parroquiais. Nestas comisións festeiras traballa xente nova, con ilusión vivaz, orgullosa da identidade e de pertencer ás tribos non urbanas, na busca do rexurdir. Hai aquí unha mocidade cunha boa formación académica e laboral, comprometida coas raíces, reivindicando prácticas comunitarias, sen complexos.

No pasado sábado gozamos dunha destas chuscas churrascadas en Aro (Negreira), noutrora ancha capital municipal, entre 1812 e 1853. Resultou un acto ben grato, acompañado co son do sexteto folk Os Atrevidos de Barcala.