Esta profesora na Universidade de Maine (Estados Unidos) traduciu obras de Rosalía de Castro e Otero Pedrayo ao inglés e de Chomsky ao galego
17 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.-¿De onde lle vén este apego por Galicia?
-Cheguei aquí por razóns persoais. Despois de estudar tantos anos castelán, souben que había unha lingua galega e comecei a investigar, a ler, a interesarme por ela. Como aprendera portugués o proceso non foi difícil, e ao haber moitos escritores en activo podía relacionarme con eles. Lémbrome de coincidir con Manuel María nun evento e de contactar con Filgueira Valverde. Había diferentes perspectivas políticas e tiña que andar con coidado, e iso intrigábame. Eu ao comezo non era coñecida, e tiña que ir da man de alguén.
-¿Foi amor a primeira vista?
-Pois a miña primeira visita foi no ano 1975, hai xa catro décadas. A partir do 1978 vin, sempre, dúas ou tres veces ao ano. Afortunadamente, voltarei en outubro, pois formo parte do tribunal de avaliación dunha tese na Universidade de Vigo.
-¿Que papel xoga o galego na conformación da nosa identidade como país?
-Sen galego non hai Galicia. Ten que ter a súa lingua, unha lingua de calidade, e non unha lingua entre aspas, un dialecto, unha lingua sen orgullo. O galego ten que ser unha lingua forte e con renovacións, con vida.
-¿E como ve vostede a nosa lingua?
-Os galegos teñen a capacidade de manteren a súa lingua se queren. Se non queren, a verdade é que non sei se volvería a Galicia. Non é que sexa a lingua que mellor falo, mais se Galicia non mantén a súa lingua eu perderíalle o respeto que lle teño e que vén da súa fidelidade ao idioma.
-¿É difícil de aprender? ¿E de traducir?
-Eu non o estudei. Aprendino lendo, a través do portugués e sobre todo preguntando e escoitando. Tiven alumnos nos Estados Unidos aos que lles falei galego, e agora están facendo traducións, críticas literarias... Para traducir é máis difícil do inglés ao galego que do galego ao inglés.
-¿Cal é a palabra galega que máis lle gusta?
-Gústanme moito os nomes de lugar. Teño algúns poemas, que non digo que sexan bos, nos que inclúo nomes de lugares, coma Faramontaos ou Trasmundi. Atópoos preciosos, moi fermosos.
-¿E a que máis lle custa pronunciar? Hai moitos castelán falantes que non son capaces de dicir «unha».
-Non din «unha» porque non queren, e xa está. O galego apréndese, mantense e sobrevive se se quere.
-Aparte da lingua, ¿que opinión lle merece Galicia?
-Interésame a súa historia, e sobre todo gústame moito a súa paisaxe natural, e non o feísmo urbano, que me parece un crime. Ás veces non son capaz de ver eses estragos que se están facendo, mais se podo escapar a unha aldea ou a un bosque agradézoo.