Guillerme Ignacio Costa, de Quempallou: «Está claro que 'Radio Cos' veñen de volta»

La Voz

SANTIAGO

Tradicional | Fol música | 2013 | 14 temas | 64 minutos

18 may 2013 . Actualizado a las 12:31 h.

Este disco é un vento fresco para os camiños do folk galego e ben enraizado: Radio Cos. Dous cantadores e tres tocadores sobradamente experimentados que recomendo. O Xurxo Fernandes mailo Quique Peón deixan claro que veñen de volta do tradicional, de andar aldeas á busca das mellores cantadoras do país. Nótase ben no seu xeito de cantar: é o que máis define o disco na primeira oída. Así e todo, non te asustes se algo na voz de Xurxo che soa exótico: que saibas que a música sefardí é outra das súas paixóns. Ata inclúe un corte deste estilo, unha pinga de cor para trocar de sabor de boca denantes de seguir por entre os bailes soltos e agharrados que anegan o disco. E que dicir dos outros músicos: saxo e outras gaitas para Pedro Lamas, acordeón para Xan Pampín, e violín para Nikolay Velikov? a conta xusta! E non remata aí o conto: Xosé Lois Romero aporta percusións, e unha recua de mozos e mozas, coros e aghrús. A encher! O resultado, redondiño coma o disco. Un repertorio moi ben escollidiño e moi ben amañadiño, estrado de aghrús, berros e risadas como ten que ser. E con eses toques que se saen do plano, amais doutras sorpresas polo medio que enchen o peito de sensacións e que deixarei sen desvelar?