Máis alá da gravidade cero

Camilo Franco (camilo.franco@lavoz.es)

SANTIAGO

A música de Ron Carter podería ser celestial se considerásemos o ceo como un lugar positivo

14 mar 2013 . Actualizado a las 11:24 h.

Aínda facendo caso omiso da mitomanía, do respecto polos clásicos, e do feito de que se tocas o baixo e non es Paul McCartney ninguén che fai caso, que Ron Carter toque en Compostela é a demostración de que o mundo vai mal, de que a confabulación do capitalismo contra nós é unha blitzkrieg e que Europa é unha unidade de destino no financeiro. Que actúe Ron Carter en Compostela é a excepción a todas as malas noticias. A que confirma a norma.

De estar pechado nun cónclave coa misión de escoller ao home coa vestimenta máis estrafalaria do planeta, máis que me visitara espírito ningún querería que viñera Ron Carter e que tocase por baixo desa apoloxía da carnalidade que é a Capela Sixtina. Como papa non sei que tal foi, como protector de artistas Sixto foi un fenómeno. Habería que ver se os sucesores non fixeron o contrario: perseguir aos artistas en lugar de darlles traballo. Neste contexto, como comprenderedes, Bob Dylan non conta. Suma como cristinano, pero non como músico.

A música de Ron Carter podería ser celestial se considerásemos o ceo como un lugar en positivo. Pero non estou seguro de como funciona a música con gravidade cero e sen osíxeno. O mesmo tamén depende da fe. Ron Carter é un músico preciso, elegante, sutil e capaz de moverse entre os estilos, respectando todos e sendo Carter en todo. Ademais, o baixista é maior, o que quere dicir que leva anos superando as probas da música en directo e sen desentoar. Quere dicir que leva arredor de 2.500 discos gravados que, a estas alturas da historia, é algo tan de valorar como ter participado en algúns dos mellores discos da historia do jazz. O mesmo con Miles Davis que con Rosa Passos.

Carter é como Julius Erving, e perdoade que me poña vintage, non se lle acaba nunca a elegancia de postear co contrabaixo, de seguir marcando o ritmo. Porque o importante do mundo non é fulgor dun día senón a carreira constante de quen resiste co seu estilo.

Música | Ron Carter Trío

Teatro principal

Días: Domingo, 17

Horario: 20.00

Entradas: 12 euros

Música | Sr chinarro

Cuestión de fe

Unha das cousas que me molesta do Sr Chinarro son os seus seguidores. Unha vez que manifestas calquera tipo de distancia respecto da súa música ou da súa actitude, póñense a recomendarche cancións determinadas de discos determinados (por exemplo: tes que escoitar El peor poema, cuarta canción de El fuego amigo) é algo que non pasa nin con La oreja de Morfeo nin con El sueño de Van Gogh.

Aínda que lles digas que é un escritor que aprendeu a tocar a guitarra, aínda que lles valores o sentido do humor e o criterio sarcástico das súas letras, eles xa detectaron a túa falta de fe e póñense a documentarte con toda a intensidade da evanxelización. Teñen unha actitude moi semellante a dun empresario que defende o libre mercado a pesar de que o seu maior cliente é a Xunta de Galicia. É o malo dos indies: a súa maneira de cultivarse é conseguindo que te cultives. Cando consegues liberarte dos seguidores, queda a música que, para este caso é o importante, aínda que quizais menos que as letras. Pero é difícil dicilo en alto e que alguén non provoque ruído de Twitter asegurando que quen non escoitou polo miúdo o disco de rarezas de Antonio Luque non está autorizado para falar. A pesar diso, o 99% do mundo non puido escoitalo e non deixa de cotorrear sobre o papa, sobre o espíritu santo ou sobre Messi, que non distingo ben as diferenzas. Tamén me costa distinguir uns discos doutros, pero cando discuto con eles nunca o admito. Esta mesma sintomatoloxía de molestarme os seguidores de alguén xa a tiven outra vez, hai moitos anos, con Ricardo Carvalho Calero. Pero isto é outra grafía.

Teatro principal

Días: Hoxe

Horario: 21.00

Entradas: 12 euros en anticipada, 15 euros na billeteira. Ciclo Íntimo & Acústico

Monicreques | «O crebanoces»

Unha banda de monecos

Chaikovski tivo algúns problemas coa súa contemporaneidade porque, seica, a súa música era demasiado confortable, acomodaticia. Aínda que non ten que ser unha virtude, a música de Chaikovski ten superado mellor o tempo que algúns dos seus críticos, aínda que, como os grandes clásicos da literatura, o seu público ten variado desde os adultos do seu tempo ata os rapaces de agora. Pásalle tamén a Stevenson. No problem.

Títeres e banda de música é unha combinación perfecta para contar a historia de O crebanoces e a súa fantasía para combater o desencanto dunha cativa. Porque os cativos, coa súa intelixencia intuitiva, saben que para ir aguantado os reveses de cada día cómpren algunhas fantasías que recompoñan o desequilibrio da realidade. Algo sobre a valentía e o futuro.

Teatro principal

Días: Domingo, 17

Horario: 12.30

Entradas: De balde, previa retirada da invitación na billeteira do teatro. Ata completar o aforo.

Teatro | «O turista madrileño»

Simpatía polos indíxenas

Entre as especies estacionais que habitan Galicia, a dos turistas de Madrid sempre gozou dunha particular simpatía por parte dos indíxenas. Xente que se deixa sorprender por case todo e que ten a delicadeza de non preguntar se nos encontra parados nunha escaleira, nin tampouco se nos mira parados no INEM. Merecen unha parodia e unha ración de pulpo.

Café el Puente

Días: Sábado, 16

Horario: 22.30

Entradas: 3 euros

MICROTEATRO | A REGADEIRA DE ADELA

Bichos que se arrastran

Cando falamos de bichos que se arrastran nunca pensades no proletariado, nin sequera cando as súas condicións laborais son infrahumanas. Pero esta semana, para volvernos ao pedestrismo que supón que un papa non xure o seu cargo diante da Biblia e un crucifixo pero un director da Agadic si, A regadeira de Adela aposta por espectáculos nos que poidamos ver o complicada que a condición humana cando se pertence a ela.

Unha muller verme atrapada na súa biografía, unha guerra de pallasos e un catálogo de mascotas humanas para extraterrestres (extraterrestres non humanos) son os tres capítulos dunha historia universal da especie contada a fragmentos de quince minutos, en espazos de moito menos de quince metros cadrados, con moitas menos de quince persoas e por moito, moito menos de quince euros. E sen que ninguén fale da sorpresa dun papa arxentino.

A regadeira de Adela

Días: Xoves e venres

Horario: Das 20.30 e as 22.00

Entradas: 3 euros por función