«A historia non para quieta un momento»

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

JOSE MANUEL CASAL

28 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Teatro que se aproxima ao xénero negro. Teatro de intriga que o espectador ten que ir remontando para coñecer onde está a realidade da historia que poderán ver no Teatro Principal mañá e pasado, desde as nove da noite.

-¿Podemos falar da obra como dun thriller?

-Aínda que no teatro non se utiliza moito esa denominación creo que podemos dicir que si. Parte dun xogo e o espectador ten que ir adiviñando que partes poden ser certas e cales non entre as cousas que van contando os protagonistas. Hai unha intriga e hai constantes cambios de planos porque a historia non para quieta un momento. É moi cambiante.

-¿A montaxe é unha aposta por un teatro comercial que seduza ao espectador?

-Esa é a intención. Temos un texto con intriga e temos dous actores ben coñecidos do seu traballo na serie Matalobos. Son dous actores con tirón, pero son tamén dous actores moi acaídos para os personaxes. Cada un deles dá moi ben ao personaxe que interpreta e sendo unha obra con dous actores esta é unha circunstancia fundamental para que funcione.

-¿O xeito de produción é diferente ao habitual no teatro galego?

-É unha produción completamente privada. Hai tres empresas producindo: Talía Teatro, Voz Audiovisual e RTA. Cada unha asume unha parte e a ver se o resultado final é do gusto dos espectadores. Agora dependemos do público por completo porque dependemos do que se recade na taquilla.

-¿Está máis preocupado polo resultado artístico ou polo que pase coa taquilla?

-Estamos preocupados polas dúas cousas. Agora ben, se só podo ter éxito nunha das dúas case prefiro que sexa a taquilla. Agora mesmo está difícil xerar funcións de teatro, mesmo que se vaia só pola recadación. O teatro foise volvendo clandestino para a sociedade e foron medrando as dificultades de poder poñer en pé. Dificultades que, en moitas ocasións, van alén do económico. A nós gustaríanos que esta aposta por un teatro comercial ben feito servira tamén para mover aos espectadores. Para que vaian ao teatro e se enganchen coa historia. Cremos que é unha liña interesante para seguir traballando con ela. Pero isto depende do que digan agora os espectadores.