«No ambulatorio operamos sobre todo lesións da pel»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

Recolle nun estudo a experiencia de máis de 800 cirurxías menores realizadas dende o 2006 no Concepción Arenal

03 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os resultados da cirurxía menor nos centros de saúde de atención primaria son «satisfactorios», conclúe un estudio realizado por Jesús Sueiro e outros especialistas do ambulatorio Concepción Arenal, agora publicado pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria na súa revista. Presenta unha experiencia de 810 lesións operadas entre os anos 2006 e 2012, 479 en mulleres en 331 en varóns.

-¿Qué se opera en atención primaria?

-No ambulatorio operamos máis os problemas da pel. Os diagnósticos máis frecuentes da casuística recollida neste traballo foron en mulleres nevus sen atipias, que son lunares benignos, nun 32 % dos casos; e en varóns queratoacantoma, ou tumores benignos que se poden presentar en calquera parte do corpo, como a cara, o brazo ou o pescozo, e que detectamos nun 21 % dos homes operados. Tamén se interveñen quistes, grans, úlceras, uñas, ou aplicamos suturas e drenaxes.

-¿Cando fan este traballo?

-No noso centro temos especial dedicación á cirurxía menor dous médicos de atención primaria. Realizamos as intervencións os mércores, a primeiria hora da mañá. En xeral son lesións pequenas e localizadas en zonas non perigosas. Cando os problemas están por exemplo próximos aos ollos ou á boca e vemos que pode haber riscos desviamos para que a faga un cirurxián plástico.

-¿Teñen medios suficientes?

-Os medios son moi simples. O ideal sería que houbese unha consulta específica, con mellor iluminación e medios. Alén da intervención, tamén se realiza docencia nesa técnica con especialistas de medicina de familia en formación.

-¿Como responden os doentes?

-Moi ben, moi agradecidos. Estas operacións que se realizan en centros de saúde alixeiran as listas de espera cirúrxicas do hospital. Se se envían eses pacientes ao hospital ao mellor pasan 2 ou 3 meses até que os ven, e despois esperar aínda máis até que os operan, cando nós resolvemos polo xeral dunha semana para outra, moito más rápido, e solucionamos así o problema. E así tamén se favorece que os hospitais se centren en patoloxías máis complexas.

-¿Teñen relación con outras especialidades nesta actividade?

-Unha vantaxe é que enviamos para analizar mostras, pois as lesións malignas e premalignas aumentan coa idade. E a concordancia entre o diagnóstico clínico e o anatomopatolóxico foi neste estudo do 60 %.