Deolinda, grupo de moda en Portugal, estrela do Festigal

m. b. santiago / la voz

SANTIAGO

14 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

?Celebrado ininterrompidamente desde o ano 2002, o festival Festigal non faltará, os días 24 e 25, á súa cita nas festas do Apóstolo este ano, contando nesta décima edición coa presenza do grupo revelación en Portugal: Deolinda. Esta formación fíxose moi popular coa súa canción Parva que sou entre os menores de 30 anos, a «geraçâo á rasca», mobilizando nas rúas de Portugal a decenas de miles de persoas nos últimos meses.

Deolinda é un grupo formado no ano 2006 por catro mozos que saltan todos os clixés do fado: non usan guitarra portuguesa, fan música para bailar e a súa cantante, Ana Bacalhau, viste roupas moi coloridas, a pesar do cal non deixan de ser fado. Este orixinal proxecto sorprendeu dentro e fóra de Portugal co aclamado Cançâo ao lado. En Compostela presentarán os temas do seu último disco, Dois selos e un carimbo, e por suposto que cantarán Parva que sou, unha canción que fala da «geraçâo sem remuneraçâo» na que «para ser escravo é preciso estudar». Un tema, como outros do grupo, que parece albiscar que volven os tempos da canción protesta, a crítica social, a indignación e o compromiso.

A programación musical do X Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, complétase o día 24 coas actuacións de Ultraqäns, Loretta Martin e Dios ke te Krew; e o día 25 con Os Carunchos, a Orquestra Os Modernos e Cé Orquestra Pantasma. Ultimado o cartel dos concertos, os organizadores apuran nestes días a programación doutros dez espazos culturais que acollerán, entre outras posibilidades, unha mostra de librerías e editoriais, debates e presentacións de libros, feiras de asociacións e artesanía galega e un espazo de animación. Todo elo no campus sur da USC.